Eduardo Chao e a Escola Municipal de Artes e Oficios

Publicado en Faro de Vigo (15-III-2018)

21 de Nadal de 1887. Mediodía de friaxe xélida. Desas nas cales o corpo aterece e os ósos dóense. A multitude arrexuntada non quecía átomo ningún. Todo era silencio. No camposanto civil de Madrid, tres presidentes da 1º República (da cal cáseque nunca se fala) velaban o cadaleito de Eduardo Chao.

Non hai galego na historia que contase, no día da súa morte, coa presenza de cargos institucionais de tamaña envergadura. Alí estaban Nicolás Salmerón, Francisco Pi i Margall e Emilio Castelar. Este último prologuista de Follas novas de Rosalía. E, coido, tampouco hai muller de versos en galego con limiar asinado por un presidente republicano. Detéñanse neste feito de férrea ligazón galega co pensamento democrático.

Eduardo Chao é fillo adoptivo de Vigo. Un título xustificado polas iniciativas a prol do porvir do hinterland (porto, ferrocarril, comercio, caixa de aforros) e produto da súa mente, teimosía e destreza políticas.

Cando se soubo do seu pasamento, a prensa local (incluído Faro de Vigo) acordou honrar a memoria de Chao. Encargáronlle a Ramón Buch (mestre de pintura na EMAO) que fixese un retrato a óleo do finado que se doaría ao concello pra penduralo no salón de plenos.

Ademais, naqueles días fúnebres, o Concello de Vigo deulle o seu nome a unha rúa, que cruza o Casco Vello, aínda que os cacos da Ribeira falan de rúa Chao (aquí naceu o meu pai). Se cadra a cita popular atina porque toda a estirpe tivo unha extraordinaria influencia.

Eduardo foi revolucionario con todas as letras. Padeceu represión por causas políticas (multas, censura, persecución, prisión, exilio) por delitos que pensabamos desterrados. Ben se mira que non, que existen e que se aplican, como inxurias á Coroa, secuestro de libros ou rebelión e sedición.

Eduardo foi un dos fundadores do Partido Demócrata, a primeira formulación republicana, adepta á esquerda, que naceu en 1849 á calor da revolución social de París; é dicir, o 1848 do Manifesto comunista. Permítasenos recomendar a película O mozo Karl Marx (de Raoul Peck).

A traxectoria de Eduardo Chao é un arco da vella que escintilea no aer. Nome preclaro no xornalismo e no mundo editorial, na historiografía e na ciencia. En resumo, un ilustrado serodio, un burgués culto, un masón filantrópico, un bo e xeneroso.

No Vigo coetáneo a nós, moita xente pensa que a Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) se formou grazas a García Barbón, considerado alma mater. Resulta unha incerteza. Se consultamos os vellos papés comprobamos que o verdadeiro promotor foi Eduardo Chao.

A mutualista La Cooperativa (fundada en 1884) encargouse de promover a escola de artes e oficios. O presidente de honra desta sociedade era Eduardo Chao, e o presidente o seu sobriño, Arturo Yáñez Chao.

Os fundamentos da EMAO nacen do krausismo e da Institución Libre de Ensinanza (ILE). E foi Eduardo Chao un dos primeiros integrantes desta corrente filosófica, cando xa facía parte do parladoiro de Giner de los Ríos, e fundador da ILE. Ademais, cando Chao foi ministro republicano, impulsou o Plan Xeral de Instrución Pública (laicismo, liberdade de cátedra…) deseñado dende o prisma krausista.

Eduardo Chao redactou os primeiros estatutos da EMAO, doou mobles (mercados en París) e material de ensino, conseguiu subvencións do Ministerio de Fomento (Montero Ríos) e do concello.

O 26 de setembro de 1886 inaugurouse a escola, no número 3 da antiga rúa do Circo (hoxe Eduardo Iglesias, unha transversal a Príncipe). O edificio levantouse sobre un terreo propiedade de Augusto Bárcena (presidente da EMAO). Abriu, conduciu e pechou o acto Eduardo Chao (presidente de honra da EMAO).

Dous anos despois o Concello de Vigo fíxose cargo da escola. Máis adiante García Barbón doou o saolar onde está instalado o actual inmoble, na rúa que leva o seu nome.

Dende as páxinas de Faro de Vigo propoño que o busto de Eduardo Chao (hoxe pendurado en soidade nunha parede da EMAO) se coloque na entrada do edificio, cunha placa que lembre o seu rol na fundación da centenaria Universidade Popular. É un acto de xustiza e honestidade que lle debe todo o pobo de Vigo.

Xurxo Martínez González

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *