Un pintor de escafandro. Urbano Lugrís

Publicado en Faro de Vigo (11 de xaneiro de 2018)

As illas xorden como dentes saídos das crebas marítimas para trabar o ceo. O azul, Patinir, limpo como acordar estival. A tríade de gueivotas, ou charráns, chían coas ás abertas sobre das nubens esféricas. O vento envolve os rumorosos. Céfiros que veñen e van e volven. A area do Cocho das Dornas ou da Espedrigada distáncianse polo mar dos areais de Rodas e Muxieiro. O mar como distancia tamén da namorada de San Simón en verso de Meendinho. E quedan os pedregullos cantareiros na boca norte, entre as puntas do Cabalo de Fóra e Robaleira.

Este é o lenzo das Cíes que aparece como liña de fuga das cantigas de Martin Codax na exposición de Vigo. Partituras medievais, letras capitulares e luminosidade literaria. É o cadro de Urbano Lugrís o anxo da custodia do Pergamiño Vindel.

 

Pergamiño e óleo entrelazados na vista. John Berger, en Ways of seeing (1972), afirma que “nunca miramos só unha cousa; sempre miramos a relación entre as cousas e nós mesmos”. A pintura condensa todas as pulsións nun só plano estático. As cantigas elevan a lingua, a música, a cor. Todas as mensaxes en aparición simultánea. Lugrís con Codax e Codax con Lugrís. E nós.

A súa obra pictórica é fascinante porque conxuga a mestría do pintor preciosista de mans anchas co universo onírico de relatos fantásticos. Dársenas, baleas, fanais, argazo, pailebotes, astrolabios, quinqués, buguinas, sereas… ondas do Mar de Vigo. Escenas acuáticas ou retratos urbanos de edificios rectilíneos.

En 2017 expúxose “Lugrís. Paredes soñadas” (A Coruña). Unha oferta para difundir a súa produción, decote máis apreixada polo público xeral. Coido que existe un crecente interese e valorización por parte da xente do común.

A propagación do Lugrís pintor contrasta coa ausencia da súa literatura. E nós cremos que Lugrís pintaba como escribía e escribía como pintaba. Lean o poema surrealista “La balada del puerto de Os”.

Até que Alvarellos Editora publicou Balada de los mares del norte (2008) era difícil dar coa súa escrita. Estaba ciscada por revistas e xornais. Ese volume complétase agora con El tesoro de Punta Herminia y otros textos sumergidos (2017), tamén de Alvarellos e tamén en edición de Olivia Rodríguez.

É este un libro para ler case dunha soa vez onde o relato ganduxa co poema (un deles, dedicado a Luís Seoane, ben fermoso). Os textos acompáñanse de debuxos e ilustracións do mesmo Lugrís. De novo, texto e imaxe en fundición. Lembremos: “Sempre miramos a relación entre as cousas e nós mesmos”.

Manuel Rivas dixo de Lugrís que era o único pintor do mundo capaz de escribir sob as augas. Un autor de escafandro, como el mesmo se retratou, con aquel espirgado. E, por veces, ao ler estes textos (por exemplo, o titulado “Las campanas de San Eriko. Sirenas del aire”) un lémbrase daqueloutros do Álvaro Cunqueiro de Fábulas y leyendas de la mar (Tusquets, 1983).

Un artigo curioso diríxese ao Concello de Vigo de 1945: “Una cama hecha con madera de los galeones de Rande”. Lugrís conta que a madeira naval (de teca) levouse dende as praias de Redondela até Compostela onde un artesán faría anos despois a citada cama. E nela tallou: “Madera estraida en Rande de los galeones españoles sumergidos por la escuadra holandesa en 1702”. O seu propietario, segundo o pintor-poeta, foi o dono do Pazo de Lourizán disposto a vendela ao Museo de Castrelos.

O estilo, acaso barroco e esixencia culta, espellan os adagios pictóricos. Hai nas liñas metáforas como foliadas marítimas. E hai versos, como os dedicados á Florida viguesa, que acollemos xa entre nós: “Corona de laureles ribeiranos / con aliagas de oro de las Cíes / Vigo, que gravemente te sonríes”.

Quen se deteña ante o Vindel e as Cíes de Lugrís, manteña silencio. Sexa quen de escoitar a lingua galega cantada hai un milenio na ría sagrada. Porque este lenzo e pergamiño son peza cantabile, un óleotexto que deixa soños ao durmir. Bailaba corpo belido / que nunca houber amado / amor hei!

 

Xurxo Martínez González

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *