No centenario de Chané

Publicado en Faro de Vigo  (14-XII-2017)

Na cuadratura granítica da santa praza de Santiago vibraron todas as esculturas (agás as usurpadas polo franquismo) co son poderoso da Orquestra Sinfónica de Galicia e as voces de “doce verbo” do Orfeón Donostiarra. Elevouse a música no aer sob a batuta do Gustavo Dudamel, un dos directores máis prestixiosos do planeta.

A peza central do concerto, acontecido no verán de 2017, foi o “Himno da Ledicia”; é dicir, a novena sinfonía coa que Beethoven (galerna xenial) puxo nota ás palabras do Schiller. Romanticismo gurgullante.

O preludio a Beethoven foi o himno galego. O público púxose en pé. A interpretación foi excepcional. Se cadra, unha das máis potentes a nivel sonoro que teñamos coñecido.

Ben se sabe que o noso himno proxectouse e estrenouse na “flor espumosa” de Cuba. A concentración de emigrantes a eito que tecían sociabilidade por medio da nosa arte e política, da nosa lingua e identidade. O Centro Galego da Habana, na carabuña insular, ergueita tras Martí, ao carón do Capitolio. Un monumento que volve indeleble a presenza dos nosos devanceiros naquela terra fraterna.

Pasamos revista por algúns nomes escentileos da cultura galega que residiron en Cuba: Ramón de la Sagra, Alejandro Chao, Juan Compañel, Curros Enríquez, Lugrís Freire, Fontenla Leal, Antón Villar Ponte, Cabanillas (precisamente cúmprese o centenario Da terra asoballada) ou Xosé Neira Vilas.

Outra autoridade foi o músico José Castro González, “Chané”, morto hai un século. Forma parte dun Rexurdimento musical canda Marcial del Adalid, Xoán Montes, Pascual Veiga, Xosé Baldomir… Sobre esta cuestión, léase a tese de Luís Costa: La formación del pensamiento musical nacionalista en Galicia hasta 1936.

Chané foi espilido dende pícaro. E tamén (disque) de carácter rudo. O caso é que triunfou en París e era catedrático de Belas Artes na Coruña, até que a pecharon. Entón embarcou, cruzou o Atlántico e asentouse na Habana. Involucrouse coa colectividade patriótica: Centro Galego, Sociedade de Beneficiencia Naturais de Galicia, Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega.

En certa hora Fontenla Leal (proletario do país) comprende que os símbolos son elementos de cohesión social e expresións de identidade. Galiza precisaba un himno para ser cantado en coral ecuménica. Coincide no tempo coa estrea da (semi)independencia de Cuba.

O primeiro encargo recibírono Curros Enríquez (letra) e Chané (música). Lembremos que foi o músico quen lle puxo partitura a varios textos do poeta: “Tangaraños”, “Os teus ollos” ou “Un adiós a Mariquiña”.

Tras anos de amizade fraterna e sen rematar o encargo, apretaron os dentes. Xente de xenio. Fontenla Leal, co seu ollar tipográfico, citou Pascual Veiga e Eduardo Pondal. E entón xestouse o actual himno.

O Chané morreu na Habana. O Centro Galego puxo o capital para traelo á Terra. Centos de persoas recibírono na dársena herculina. Gardas municipais, en traxe de gala, custodiaron o cadaleito. Tras o carro fúnebre estaba Murguía (e os seus) e os das Irmandades da Fala. Sepultárono en San Amaro, en camposanto común a Curros Enríquez. A morte xuntounos.

Co gallo do centenario naceu, por parte de aCentral Folque, o proxecto “Chané na Habana”: un espectáculo musical onde o seu repertorio clásico experimentou unha versión jazz, en sostén de troba cubana, na voz de Rosa Cedrón. Un xeito de recuperar, valorar e divulgar o noso patrimonio dende a creación mestiza.

Agora asalta a miña memoria a imaxe de Chané sentado co mozo Pepito Arriola. E poucos saben que este mociño, con cabeleira xograresca, foi un virtuoso do piano (alcumado o Mozart galego) apadriñado pola raíña de España, polo Richard Strauss e polo kaiser Guillerme II. Pero, e con isto pecho o artigo, a súa cercanía a Hitler (para quen tocaba) levárono logo da guerra mundial (tras ser preso polos rusos, liberado e acollido polo franquismo) a un desterro musical deica a morte.

Unha vida de novela. E non digo máis.

Xurxo Martínez González

Esta entrada foi publicada en Música, Rexurdimento e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *