La Cristina (1862). A primeira papeleira de Vigo

Publicado en Faro de Vigo (7-IX-2017)

Bombas de palenque. Música da banda de La Beneficiencia. Sacras beizóns cristiás. Banquete con mantel de papel. Discursos con feitío de arengas industriais e louvas ó progreso das máquinas. Aconteceu en Lavadores o 30 de marzo de 1862.

Medio centenar de notables vigueses se xuntaron ó pé do Lagares para inaugura-las instalacións da nova fábrica “La Cristina”. Alí estaban os accionistas López de Neira, Miguel Fernández Dios, Ángel de Lema ou Juan Compañel. O prior abeizoou as salas de caldeiras de vapor, de separación de farrapos, de ventiladores, de trituradoras, de prensa, de satinado, de empaquetado… Son as instalacións da primeira papeleira que tivo Vigo na súa historia.

Os socios fundadores son unha representación da burguesía liberal. Todos eles aparecen como comerciantes ou propietarios agás un que asina como “periodista”: Juan Compañel (director d´El Miño).

La Cristina situouse no extinto Concello de Lavadores. O impulsor foi Velázquez Moreno, a quen a morte o levou antes do parto fabril. O seu fillo, Norberto Velázquez Coppa, ocuparía o cargo de xerente. Mailo fabricante e responsable da traída desta fábrica de “papel contínuo” foi o enxeñeiro francés Alfred Motteau, procedente de Angulema.

Destacámo-los nomes de dous dos socios da fábrica: Ángel de Lema e Juan Compañel. O primeiro, dono da imprenta e director de Faro de Vigo; o segundo, dono da imprenta e director do citado El Miño. É dicir, os dous principais xornais do hinterland atlántico imprimíronse co mesmo papel. Unha proba da necesaria unión e asociación por mor de intereses compartidos.

O papel, no ecuador do século XIX, era un produto caro. Traíase dende fóra (normalmente por mar dende Francia). A elaboración do libro era lento e encarecía o prezo, xa que traballaban varias persoas (caixistas, editores, impresores) e a consecución do material non sempre era doada (tinta, papel).

A imprenta deste tempo precisaba un sostén económico. Se axustámo-los nosos anteollos cirúrxicos observamos que tralo impresor ou ben hai un soporte capitalista (no caso de Compañel hai que falar do adiñeirado José Ramón Fernández Domínguez) ou ben atende a máis negocios (Ángel de Lema).

Compañel escribiu unha crónica sobre a apertura de La Cristina. Unha exaltación do progreso, das máquinas e do “espírito de asociación patrio” para que Galiza tivese iniciativa e posuíse empresas propias. Remataba co berro “Unión, asociación y Galicia renacerá!” porque a fábrica era símbolo de “prosperidad y grandeza de Galicia”.

A primeira obra impresa co papel de La Cristina ben pode se-lo Diccionario de escritores gallegos de Murguía. O editor e impresor (Compañel) deixou constancia: “Impreso […] en papel de la fábrica La Cristina, Vigo”. Con toda probabilidade Cantares gallegos tivo “follas cristinas” xa que tamén foi obra de Compañel, persoa senlleira no Vigo oitocentista. Por iso o seu nome figura na Biblioteca Pública da nosa cidade. O nome dun impresor e editor, como o Ánxel Casal en Compostela.

A sequía do Lagares en 1862 auguraba un mal horizonte. Porque a auga era o motor da fábrica. A empresa pecharía contra 1865.

Lector ou lectora: cando baixes polo Lagares pasarás arrentes de La Cristina sen nada que indique nin protexa este edificio. Porque a vella fábrica segue en pé, cos seus muros de cachotería, o gran edificio (de varios andares), e na fachada o frontispicio cun C entre ponlas de loureiro, símbolo da vitoria.

O Concello de Vigo debe iniciar un expediente de catalogación, protección e divulgación deste patrimonio fabril, como esta situada na Bouciña (Lavadores). Porque as vellas fábricas e os seus obreiros son cultura do país.

Esta entrada foi publicada en Literatura galega, Rexurdimento e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.