Discurso na X asemblea da Irmandade Xurídica Galega

Celebrada o 10 de xuño no Paraninfo da Universidade de Compostela

Distinguidas autoridades

Ilustre auditorio

Amigos e amigas

Se nesta hora pecharámo-los ollos e axustarámo-los tímpanos dos ouvidos, percibiríamo-la voz barroca, emotiva e cantaruxeira de don Ramón Otero Pedrayo. Voz de lousa de quen impartía a derradeira lección como catedrático da universidade de Compostela. Pola contra, e como paradoxo, era o primeiro discurso en lingua galega, dentro do ámbito universitario, logo da chegada de Atila; é dicir, do feixismo. E isto aconteceu sendo o ano de 1958.

Alá foi case medio século dende que o profesor de Dereito administrativo Lois Porteiro Garea, morto na flor da vida en hora nunca rematada de chorar, pronunciase (neste mesmo lugar) o primeiro discurso en galego dado nas aulas universitarias sob o título A transformación do Dereito civil pola Gran Guerra (1915).

Que don Ramón falase galego nese acto supoñía unha subverión. A nosa lingua estaba proscrita, censurada, aldraxada, perseguida. Lembremos, por exemplo, que poucos anos antes, Manuel Gómez Román, esguío e dandy arquitecto vigués, non puido falar galego no discurso de ingreso na Academia Galega nin o seu receptor, de novo don Ramón, ofrece-la benvida no idioma propio de Galicia. E foi en 1951.

Aconteceu máis veces. A represión lingüística existiu. Pero que pode a barbarie contra a cultura e contra os pobos? Senón que o diga a séptima sinfonía de Shostakovich interpretada baixo o cerco nazi da antiga Leningrado.

Don Ramón, Lois Porteiro Garea, Manuel Gómez Román e outros nacionalistas de entón foron nomes amigos de Fermín Penzol, o noso homenaxeado. Persoeiros que mantiveron aceso o lume da existencia desta terra.

Penzol naceu na Galicia irredenta: os territorios administrativamente fóra da nosa comunidade pero cultural, lingüística e antropoloxicamente galegos. O naipelo mudouse coa familia a Mondoñedo onde se emburullou no nimbo humanista de Manuel Leiras Pulpeiro, médico co galego no bico, poeta que tributou horas á nosa lingua e país. “Amou a verdade e practicou o ben”, reza a sepultura. Moitas décadas despois Penzol promoveu e financiou a publicación da súa obra completa.

De mozo, a familia trasladouse a Pontevedra cando nas súas rúas se sentían os pasos de Losada Diéguez ou Castelao. A Pontevedra dos parladoiros de café. E todo aquilo era fermento. E Penzol marcha a Madrid por decisión do seu pai (xuíz) para estudar Dereito.

Alí vive a experiencia logo contada por don Ramón, outra vez presente aquí, no seu Arredor de si, co Adrián Solovio protagonista. A experiencia do galego que sente a saudade da terra, que se sabe unida a ela, que a procesa dende o sentimento á razón (para evitarmos os montros dos soños de Goya), que a eleva á acción sociopolítica como unha forma de expresión militante.

Penzol intégrase na Mocedade Céltiga, de fasquía radical e arredista, xuntanza de estudantes e traballadores madrigalegos. E alí inicia a súa titánica tarefa de “recolector”. Entra nas Irmandades da Fala, asume o liderado do grupo da Mocedade Céltiga, simpatiza coa loita irlandesa e colabora na publicación do primeiro xornal infantil integramente en galego, As Roladas, promovido por Ramón Cabanillas, un dos seus grandes e intensos amigos.

Fermín Penzol aprobou as oposicións a rexistrador da propiedade en 1930. Dous anos despois tomará praza fixa en Pastrana (Guadalaxara) e será habilitado como notario. A distancia con Galiza, e outros motivos, fíxoo afastarse da militancia orgánica no Partido Galeguista durante o período republicano. Aínda así o seu rostro, de sorriso irlandés, aparece nunha fotografía tomada na preparación dun mitin pro-Estatuto no Teatro Alkázar, á beira de Castelao e Blanco Torres.

O espertar de Atila colleuno na vila paterna. O seu escaso compromiso político a nivel público durante a República, a ascendencia familiar, o seu status dentro da Administración e sobre todo os avais (xuíz militar, civil, alcalde falanxista e conservador) evitaron a represión.

Penzol, como tódolos demócratas, doeuse fielmente da morte de grandes amigos, como o citado Blanco Torres ou Víctor Casas (con quen mantivera unha intensa correspondencia). Doeulle até nos ósos da alma. Como a calquera persoa de ben.

No deseño do Partido Galeguista na clandestinidade decidiuse liberar a Ramón Piñeiro, novo secretario político. Este chega a Madrid como estudante pero coa misión de establece-los contactos coas forzas da oposición. A esperanza da caída do franquismo canda a derrota do nazismo. Pero non foi.

En todo caso, Piñeiro coñece a Penzol e traban amizades das que traspasan o tempo. Xuntos participan en xuntanzas clandestinas até que o lancarao é detido e preso. Entón Penzol asume o cargo de secretario político do Partido Galeguista no interior.

Son intres de tensión e desavinzas co Consello de Galiza presidido por Castelao que Penzol asume. Cartas duras, con reproches mutuos entre Penzol e Castelao. Misivas que truncaron a relación do interior co exterior.

Coa situación máis sosegada, en 1949 Penzol consegue praza no seu Castropol familiar. Tamén coincide coa saída de Piñeiro da cadea e a reorientación culturalista dos galeguistas do interior, coa constitución da Editorial Galaxia.

En 1956 Penzol decide facer inmorrente o seu nome. Nun acto celebrado en Vigo, Penzol entregou de maneira simbólica a Ramón Otero Pedrayo (en calidade de presidente da Editorial Galaxia) todo o arquivo e biblioteca persoal. Do privado ó público; da propiedade ó comunal. Así fixo o seu nome eterno. E decidiron poñer a Fundación Penzol en Vigo para que a cidade atlántica, siderúrxica e cultura, tivese un centro de estudos nacionalistas, onde se educaron varias xeracións, algunhas delas aquí presentes hoxe, fosen baixo as tebras do feixismo, ventre do silencio ou máis despois. E foi en 1963 (annu mirabilis da cultura galega) cando se abriron as portas do arquivo cunha conferencia de Manuel Rodriges Lapa.

Fermín Penzol mantivo unha discreta militancia política, sempre ó carón de Piñeiro. Está presente na xuntanza con representantes do Consello de Galiza celebrada na casa de García-Sabell, na Rosaleda, en 1958. Trala morte de Franco, participará publicamente na asemblea da Federación de Partidos Socialistas, á beira de Beiras, e despois ingresará no renacido Partido Galeguista. Participa das propostas de Piñeiro (manifesto dos 29 ou Realidade Galega) para a consecución do Estatuto de Galicia de 1981, que el chegou a coñecer pouco antes de que a morte nolo levase en maio daquel mesmo ano.

Entón a lingua galega foi declarada “lingua propia de Galicia” e iniciou o proceso de normalización lingüística, vivo deica o presente e necesario de cara ó futuro, como ben sabe un auditorio como o presente. A lexislación en materia lingüística avanzou moito en comparación a 1958. Pero isto non invalida nin impide que prosigamos coa necesaria normalización e, sobre todo, non xustifica ninguna regresión en materia lexislativa neste ámbito, como sucedeu na escola nestes anos. Ademais, aínda se empregan na Administración pública programas informáticos que non ofrecen posibillidades en lingua galega, sexan no ámbito da Administración de Xustiza ou na Administración Xeral do Estado. Un feito, por si mesmo, anticonstitucional.

Penzol exemplifica hoxe as distintas maneiras de contribuír ó desenvolvemento de Galicia en tódalas ordes. Unha, a militancia sociopolítica; dúas, o activismo cultural; e tres, a filantropía.

Sexamos pois persoas dignas de continuar este mesmo vieiro a prol da lingua e da terra; do pobo e do dereitos humanos. Sigamos, pois, o ronsel a prol de Galicia, a nosa terra.

Estou certo que este é o propósito que domina esta asemblea da Irmandade Xurídica Galega.

Grazas

 

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.