Álvaro Cunqueiro nas páxinas de Faro de Vigo

Publicado en Faro de Vigo (1-VI-2017) 

En Mouruás, San Xoán do Río, houbo unha espada no ventre dunha pedrafita. Unha espada pistiliforme; é dicir, coa fasquía do pistilo dunha flor, a estendida lingua xerminal. O bronce do seu corpo lanceolado vibra na vista. Está emburullada no transcorrer dos séculos, sen coiro que a protexa, nas voutas do misterio por ser unha das primeiras espadas atlánticas con esta feitura.

Soubemos dela en 1967 cando trala detonación dunha canteira apareceu entre os restos esnaquizados. Maila espada resistiu sob a protección dos feitizos e meigallos do benigno Merlín. Case tres mil anos agochada entre as pedras na agarda do rei Artur, na fisterra de Europa, no antergo Reino de Galiza.

Apareceu lonxe das Terras de Miranda e da selva de Esmelle, dos vales da cunquiña deleitosa e da fraga de Eirís. Un vento espilido levouna até os penedos graníticos de Mouruás para evitar que os normandos, que invadiron a costa norte, puidesen roubala. Louvado sexa o poder de San Gonzalo!

Esta podería ser unha das aventuras contadas por Cunqueiro no Merlín e familia, saído da imprenta de Faro de Vigo no ano de 1955. Mais non é conto e este servidor que escribe apenas é un aprendiz ante a letra capitular do trobador mindoniense.

Estas liñas engarzan coa publicación de No obradoiro do fabulador. Artigos en lingua galega (Galaxia, 2017), que recolle practicamente toda a produción de Cunqueiro en Faro de Vigo. Artigos de cultura universal. Dende traducións poéticas de autores consagrados (Rilke, Hölderlin, Apollinaire) até os descoñecidos e exóticos (Pëtofi, Omar ibn Abi-Rabi´ah, Sully-André-Peyre); artigos sobre novidades na lírica rumana até reflexións sobre a literatura nosa. E así faise o acervo culto do escritor.

Esta obra, editada por Xosé-Henrique Costas e Iago Castro, pon nas túas mans, lector ou lectora, un monllo de escritos saborosos como pan fresco no ceo da boca. Veñen como ánfora peregrina que acumula a mellor destreza escrita de Álvaro Cunqueiro, redactor, subdirector e logo director (entre 1965 e 1970) de Faro de Vigo. Papeis mecanografados co aroma limpo de mazás.

Foi el quen coordinou o suplemento cultural de Faro chamado “Artes y Letras”, coa axuda dun amigo irreprochable como foi don Francisco Fernández del Riego, pulmón incansable da nosa terra, dínamo da nación ou turbina inapagable. Ademais nas seccións do xornal vigués xurdiron algúns dos personaxes de Escola de menciñeiros e contos de Xente de aquí e de acolá.

Mais, sobre todo, nestas páxinas xornalísticas forxou aínda máis a creación poética con máis de 50 nacionalidades de máis de 200 autores en máis de 600 traducións. Textos traídos de Le Figaro, Le Monde ou Il Corriere della Sera, dende linguas irmás á galega. Tróuxonolos da pátina grecolatina, da materia artúrica ou das lendas do país. Todo este caudal intelectual residía no seu infinito maxín. Só precisaba da habelencia do escritor capaz de doma-las palabras.

Lembro agora a fotografía do Cunqueiro deitado cara a atrás, na cadeira do seu despacho, mentres atende o teléfono con man inversa á orella. E imaxino as cartas do tarot francés que botaba ós equipos de fútbol galegos ou as follas cos prognósticos do horóscopo ou as breves liñas dos pés de foto reconvertidas en microrrelatos, como advirten os editores deste volume.

A espada de Mouruás exhíbese no Museo Arqueolóxico de Ourense. Está á vista de quen precise comproba-lo que semella unha lenda artúrica. E unha mostra da literatura de Álvaro Cunqueiro exhíbese neste libro para quen precise certifica-lo don da súa palabra. Todo, pois, entre a fábula da terra dos mil ríos e a materia viva da nosa lingua.

E fun polo mundo adiante. Quen quere rosas, ouro, pan trigo, mocidade, raiolas de sol?

Don Álvaro, querémolo todo.

 

Xurxo Martínez González

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.