Luís Rodríguez Seoane. O brinde esquecido

Publicado en Faro de Vigo (6-IV-2017)

O Banquete de Conxo de 1856 supuxo un acto constitutivo para o imaxinario nacional galego. Este ágape é unha baliza (no simbólico) do Rexurdimento xa que configurou, mediante un acto realizado na esfera pública, un punto de encontro do renacer do pobo galego con conciencia de seu. En tódalas dimensións, non só no campo literario.

Aquela xuntanza do estudantado universitario e o artesanado da bisbarra realizouse no compás das ideas progresistas. Este foi o arpexo dominante no movemento provincialista; a constante que condiciona a produción literaria dos rexurdimentistas.

En semanas pasadas Ferrín dedicou unhas liñas, en Faro da Cultura, ó Eduardo Pondal presente en Conxo. Alí manifesta a fe republicana e amósase como un dos poetas emerxentes d´El Liceo de la Juventud, unha sorte de club da intelectualidade provincialista. O seu nome está vivo nos versos cantados do noso himno.

Canda Pondal estaba o poeta querido da Compostela popular: Aurelio Aguirre. O Banquete de Conxo foi o escenario de consagración do heraldo do pobo, do escritor romántico, do rapsodo dos humillados e ofendidos (con licenza de Dostoievsqui). Varias xeracións de crianzas picheleiras aprenderon de memoria os seus poemas. Deica os nosos días. Felizmente, Alvarellos Editora reuniu a súa obra completa (dispersa e inédita) no ano 2014.

O terceiro en discordia foi Luís Rodríguez Seoane, outro universitario con berce en Pontevedra. O seu nome é menos coñecido, tivo menor percorrido literario e apenas ninguén lembra que estivo alí. Incluso houbo quen puxo en dúbida a súa presenza. Este ano, co gallo da publicación d´Os últimos carballos de Conxo, fomos quen de atopar e restituí-lo poema de Seoane, perdido na BNE. Despois de máis dun século e medio xa podemos, de novo, repeti-los brindes do Banquete de Conxo segundo se leron aquel 2 de marzo de 1856.

A figura de Seoane semella esvaecida nas tebras da historia. Poderíase pensar que na súa biografía non hai elementos dignos de significar. Mais unha atenta lectura contradí este pensamento.

O terceiro dos “poetas da liberdade” foi catedrático de Medicina, Reitor da USC, membro d´El Liceo de la Juventud, colaborador frecuente da prensa provincialista, gañador dun dos premios dos Xogos Florais da Coruña (1861), impulsor de xornais provincialista na cidade do Lérez (El País, confrade de La Oliva e El Miño de Vigo), impulsor da celebración dos Xogos Florais en Pontevedra, mestre de instituto, intelectual activo do Rexurdimento, militante-dirixente do Partido Progresista na provincia, membro da Xunta Revolucionaria de 1868 na “boa vila”, senador e deputado nas Cortes, animador dos primeiros Xogos Florais integramente en galego (Tui, 1891), decano da facultade de Medicina, presidente da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela…

Observamos, pois, que a súa transcendencia na historia decimonónica galega é alta e en diversas áreas de acción. O estudo da súa vida deitará luz no Rexurdimento e permitirá tece-la rede de relacións existentes daquela. É dicir, aplicármo-la teoría da sociabilidade (Agulhon) que nos permite saber da vida cotiá, formas de comunicación, lugares de encontro… que nos ofrecerá datos para coñecer mellor esa época.

Nestes días chegou ás librarías a esperada primeira parte da biografía de Rosalía, asinada por Chus Lama: Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863). Un volume que contribúe a reconstruí-la historia contemporánea de Galiza. Velaí un terreo de traballo común no que hoxe (cos límites propios do xornal) queremos inseri-lo nome de Luís Rodríguez Seoane.

 

Xurxo Martínez González

Esta entrada foi publicada en Rexurdimento e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *