Ronseis de Céltiga. O proxecto editorial das Irmandades

As Irmandades da Fala foron un misto na noite político-cultural de Galiza no romper do século pasado. Porque o misto apenas aluma pero permítenos observar canta escuridade temos ao noso arredor.

A cultura galega vivía un certo devalar no crepúsculo do XIX que coincidía cun rearme ideolóxico do centralismo español tras o desastre de 1898. As circunstancias eran adversas para quen pretendían, dende a periferia, defender a matria e a lingua galegas; quen pretendían reintegrar na nación a conciencia do noso, sen menosprezo dos outros. Velaquí a práctica irmandiña entendida como fraternidade.

O parto das Irmandades da Fala (1916) foi complexo e tenso. O encontro de estirpes con distintas tradicións (rexionalistas, agraristas, federalistas…) xerou densos debates arredor da orientación do emerxente galeguismo.

Mais en 1918 aprobaron o programa que asentou as trabes e zócalos comúns. Entón federáronse as distintas irmandades locais para comezar de xeito coordinado e consciente un proxecto multidisciplinar a prol do país. Isto aconteceu na fraga amurallada de Lugo até onde o trobador Fernán Esquío procurou sen éxito a súa senhor e, dende entón, deambula polas graníticas rúas repetindo: “Que me queres, amor?”. Cunqueiro escoitouno laiarse sentado ante o cano da fonte da Porta Miñá.

A lingua galega é o sangue e o escudo da nación dende o áureo medievo. Para as Irmandades foi a carabuña de todas as accións: prensa, investigación científica, orfeóns ou oratoria pública. Todo xiraba arredor do lume quente da lingua nai.

Antón Villar Ponte, motor central na fundación das Irmandades, escribiu por aquela altura sobre a necesidade de que o movemento irmandiño dispuxese de medios de comunicación e imprenta propios. Axiña naceu A Nosa Terra sob a súa dirección.

Un lustro pasou para crear a primeira editorial de libro en galego. Era pois 1921 e situámonos naquel Ferrol do Xaime Quintanilla (dramaturgo irmandiño, alcalde socialista en 1936 e logo asasinado) e do Ramón Villar Ponte (esoutro fundador das Irmandades que entón dirixía El Correo Gallego na cidade departamental).

Ambos nacionalistas, canda Manuel Morgado González del Valle e Fiz Álvarez do Castelo, instalaron na Praza Dolores a “Editorial Céltiga”. Velaquí a inmediata antecesora de Lar e Nós de Ánxel Casal.

Céltiga acadou unha importante tiraxe ( 3.000 exemplares por libro e cun prezo de 30 céntimos) e unha sobranceira difusión (incluída a emigración transoceánica). Aquí publicou, nunha suntuaria edición, Un ollo de vidro o Castelao, quen colaboraría con eles por medio de debuxos para publicidade e propaganda.

A editorial naceu no remborque das liñas estéticas da futura ING de Vicente Risco e Losada Diéguez. Era o tempo da división irmandiña. A paisaxe logo da escisión das Irmandades da Fala en 1922 afectou de cheo a Céltiga na medida en que a base social do nacionalismo galego se dividira e se debilitara.

Cómpre destacar que os tres primeiros libros publicados por Céltiga son obras teatrais (entre elas Alén de Quintanilla). Logo veu a prosa dentro da colección “Novela mensual ilustrada” (López Abente, Eladio Rodríguez, Correa Calderón…). As cubertas estaban asinadas por artistas irmandiños (Castelao, Díaz Baliño, Álvaro Cebreiro ou Imeldo Corral). Tamén se publicou a tradución d´Os catro cisnes blancos (Lenda celta) de Loueu Chisholm.

A editorial pechou en 1923. Quedaron algúns orixinais de Vicente Risco, Manuel Antonio ou Euxenio Montes que logo se publicarían na prensa ou quedarían inéditos.

Unha experiencia breve pero notable. Porque foi a primeira editorial dedicada exclusivamente ao libro en galego, con variedade no xénero literario e cunha importante calidade, produción e difusión. Unha expresión da vontade irmandiña fronte á ruda adversidade denunciada nos versos de Pondal.

 

Xurxo Martínez González

Esta entrada foi publicada en Cultura galega, Literatura galega e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.