Rosalía de Castro e o Centro Galego da Habana

 

A Fran, meu amigo

En lembranza da nosa viaxe

 

José Martí e, no fondo, o Centro Galego da Habana

José Martí e, no fondo, o Centro Galego da Habana

O inicio de tódolos camiños de Cuba é José Martí. No simbólico e no real, no pasado e no presente. A figura do poeta modernista que montado encol do lombo do seu cabalo combateu pola liberdade. E morreu por ela sen saber como brilla o arco da vella na patria redimida.

No parque central da Habana hai unha estatua marmórea do apóstolo. A man estendida para abeizoa-las crianzas que xogan ós seus pés e ós camiñantes que, cansos, sentan nos seus chanzos. Neste lugar arrancan tódolos vieiros da flor espumosa do Caribe.

A poucos metros érguese o Centro Galego da Habana, hoxe felizmente rehabilitado. Sitúase entre o Capitolio e o Hotel Inglaterra. No alto, a figura dunha muller (Galiza) e o escudo do noso país. As altas fiestras e as contras de aspecto de bambú. As trompetas nas catro esquinas do ancho e amplo edificio, como catro puntos cardinais da rosa dos ventos. A maxestosa entrada de escaleiras de nácara, os espellos, a amplitude, o eco e o resoar das festas, dos mitins, das congregacións e das proclamas emotivas da emigración galega. A inmensidade do teatro no silenzo.

Todo aquilo foi obra dos nosos devanceiros. Xamais pagarémo-la súa fame. Pero sexamos, canto menos, conscientes do que significa deixa-la terra propia para traballa-lo futuro incerto. Só coas nosas mans. Sen nada que non fose a forza da esperanza dunha vida digna. Non miremos para outro lado cando o Mediterráneo se converteu no campo de exterminio de Europa no século XXI.

As crónicas sobre a emigración galega en 1856 son punzadas no pericardio. Homes tratados coma escravos e con salario inferior ós dos propios escravos negros. Malleiras e aldraxes ó gando humano. As mulleres destinadas a trata. E así foi durante uns acedos anos. Sobre este asunto emitiuse un documental que se pode consultar na rede: “Las listas de Feijóo”.

Pero aquela xente organizouse para que ninguén volvese senti-lo que eles sentiron. As cicatrices, do corpo e dos ósos, lembrábanllelo cada segundo. O Centro Galego da Habana concibiuse como o espazo da tribo e da familia, onde se alfabetizaba e sandaba, onde se aprendía un oficio e se rousaba nas festas, onde se abría ao vento a nosa bandeira e berraba o himno galego por primeira vez na historia.

Esta emigración soubo ben cedo entende-lo poderío que tiña a cultura para os desterrados. E os versos de Rosalía de Castro foron o testemuño das desventuras e da miseria, dos soños nunca rematados e dos azos por alcanza-la felicidade. Nalgunhas casas emigrantes penduraron nas salas o rostro da poeta porque representaba o que eles pensaban que debía ser Galiza.

Con toda certeza, a emigración galega en Cuba foi o primeiro colectivo social que soubo valorar, comprender e difundi-la obra de Rosalía. Ela expresaba a dor do día da partida: “Adíos ríos, adiós fontes…”. Ela sabía da miseria: “Tembra un neno no húmido pórtico…”. Ela sabía da soidade: “Viúvas de vivos…”. Ela facía súa o seu sentir.

O Centro Galego da Habana puxo os cartos para publicar Follas novas e Alejandro Chao puxo a editorial que tiña na rúa O´Reilly da capital cubana. O prólogo escribiuno o destacado orador e presidente da República, Emilio Castelar. Así, grazas a aqueles que marcharon humildes da terra, se editou o segundo libro en lingua galega de Rosalía de Castro. Por iso a escritora dedicóulle-la obra enteira e unhas emotivas palabras no inicio. O poemario máis íntimo de Rosalía chegou deica nós grazas á decisión colectiva dos sen terra. Se cadra, un feito que fala polo que somos.

Martí leu a obra de Rosalía. Colleu e fixo propias algunhas palabras escritas en galego. Porque as linguas nunca foron atrancos para gozar coa literatura. Oxalá Martí siga sendo o punto de fuga de Cuba. Oxalá o Centro Galego (hoxe Gran Teatro) teña a bandeira galega ó aer como recordo indeleble da amizade propia de pobos fraternos. Martí e Rosalía. Rosalía e Martí.

Esta entrada foi publicada en Literatura galega e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.