A bandeira galega en Vigo. Terra ceibe!

Publicado en Faro de Vigo (28-IV-2016)

 

Até nos presentes días óuvese dicir que a bandeira galega é, na súa orixe, a bandeira da capitanía marítima da Coruña. Cóntase, pois, que os emigrantes galegos en Cuba (flor espumosa do Caribe) albiscaban esta bandeira cando os barcos, cheíños de traballadores fuxidos da miseria, entraban na baía da Habana, sob a luz do faro do Morro que se deita con mans de sirgo polo voluptuoso Malecón.

A investigación máis recente refuta esta teoría. A razón é que até o 22 de xuño de 1891 a bandeira da provincia marítima non tivo unha soa franxa, senón dúas que se cruzaban. A coincidencia deste deseño co da Mariña Imperial Rusa provocou a mudanza. Porén, e xusto un mes antes, trasladábase o corpo defunto de Rosalía de Castro dende o camposanto de Adina até Bonaval. Encol do cadaleito, a franxa azul sobre o fondo branco.

Esta explicación é o pórtico do que hoxe queremos contar. Situémonos, pois, no Vigo de 1921 no ronsel da III Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala, celebrada no antigo Teatro Tamberlick. Por certo, co gallo do presente centenario das Irmandades o Concello de Vigo podería situar unha placa no citado lugar (rúa Eduardo Iglesias) para lembrarnos aquela xuntanza.

Manuel Antonio residía entón na solaina do Paseo de Afonso. Alí imaxinámolo fumando a súa paipa ante o tráfico marítimo do ir e vir de dornas, racús, gamelas coruxeiras ou pailebotes. Peixe fresco, cantigas, vento mareiro, gaivotas, araos, charráns, gatos, tascas, cuncas… A luz sobre a pel escamada do mar. Sempre e máis despois. Todo na poesía oceánica do poeta natural de Rianxo.

No conclave nacionalista Manuel Antonio estreitou a man, por primeira vez, dalgúns dos líderes que admiraba. El, un mozo rebelde de compromiso firme, sempre voluntario para o combate polas ideas xustas. E unha idea xusta era reclamar que a bandeira galega fose izada, a carón da española, na casa municipal de Vigo durante os actos oficiais. Unha proposta aprobada polos nacionalistas das Irmandades e promovida pola Mocedade Galeguista de Vigo (xa en 1920 fixeran idéntica proposición).

No rexistro municipal entrou, con data do 18 de abril de 1921, a petición irmandiña asinada por, entre outros, Antón Villar Ponte, Vicente Risco, Roberto Blanco Torres, Xavier Soto Valenzuela e Manuel Antonio.

Os munícipes rexeitárona por unanimidade. Unha decisión que expresa as reticencias que existían para co noso. Naquel entón había que dar explicacións e pedir permiso por exercer como galegos, ora fose para ondear a bandeira, ora fose para falar galego en público. Mais foi a tarefa das Irmandades da Fala darlle a volta a todos os prexuízos e concienciar o pobo da súa propia identidade, sen menosprezo de ningunha outra pero tamén sen desprestixio da nosa. Unha igualdade que aínda hoxe observamos lonxe de ser verdadeira (repárese na presenza do galego no ensino).

A negativa da corporación provocou un manifesto, “Terra ceibe!”, asinado por Xavier Soto e Manuel Antonio. Unha diatriba contra os concelleiros, tachados de incultos, desleigados, noxentos, vellos e decadentes; e unha defensa dos símbolos galegos. Algunhas das oracións teñen o aroma do Máis Alá! publicado xusto un ano despois. Un berro de raiba contra quen sostiñan tópicos contra o carácter e cultura galegas.

Mais será en 1923 cando luza ao vento a bandeira azul e branca polo 25 de xullo. Felizmente, hoxe está presente todos os días do ano e ninguén discute a súa presenza. Este feito foi unha vitoria de quen en 1916 fundaran as Irmandades da Fala. Un feixe de persoas capaces de concienciar a sociedade galega da súa identidade e do seu dereito político a posuír un poder propio, capaz de facer fronte os retos particulares.

Agora lembro as instantáneas da rúa García Barbón cunha fileira de xente disposta a votar no plebiscito de 1936. As paredes tapizadas cos carteis deseñados por Castelao ou Díaz Baliño. Unha pintada que expresa, “Terra, a nosa!”.

 

Xurxo Martínez González

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a A bandeira galega en Vigo. Terra ceibe!

  1. Xosé Lois Pérez di:

    Fermosa lembranza dos nosos precursores na defensada lingua.

Os comentarios están pechados.