Mulleres de noso

Publicado en Faro de Vigo (21-I-2016)

As primeiras litografías que mirei de Honoré Daumier foron en Paris, capital of modernity (2003), de David Harvey, e que me emprestara o meu bo amigo David Rodríguez, o funambulista coxo. Un libro que relata, de maneira lúcida, as transformacións socioculturais e urbanísticas da capital francesa. Aquela mudanzaretratouna Daumier con especial retranca. Pero de entre as obras que gardo na memoria deste artista está o lenzo La República (1848), que se expón no Musée d´Orsay.

O cadro figura a unha muller (a República) que, coa bandeira tricolor na man dereita, aleita (en público!) a dous cativos, mentres un terceiro, sentado no chan, le un libro. Arepública evocada como unha muller; como a liberdade no cadro de Delacroix ou comoa cultura na mitoloxía grecolatina (Atenea e Minerva). A imaxe laica da muller ligada avalores positivos fronte á pecadora.

Na nosa iconografía imaxínase a Galiza con corpo feminino. Ramón Cabanillasescribira: “Galicia! nai e señora” e converteuse nun dos versos máis recorrentes entre osdas Irmandades. O escultor Asorey puxo sobre os ombreiros do granítico CurrosEnríquez da Coruña a unha muller ergueita e firme (Galiza) que protexía ao vate social.E hoxe, no felizmente restaurado Centro Galego da Habana, observamos a figura feminina sobre o escudo galego que domina a fachada principal deste extraordinario monumento levantado pola nosa emigración. Por certo, que nel debería ondear a bandeira galega canda a cubana.

Con todo foi Rosalía de Castro no século XIX quen encarnou o carácter, o sentir e os desexos de Galiza por medio do seu poderoso verso, ao servizo dos desposuídos econtra o desprezo á matria. Unha simbiose lumínica e diamantina. Rosalía envolveuno todo e o Rexurdimento pleno débese os seus Cantares gallegos editados en Vigo. Mais ela sabíase apoiada encol dos ombros de xigantes, tanto de homes como de mulleres.

A presenza e protagonismo das mulleres galegas no século decimonónico constitúe uncaso particular na Europa de entón. Por iso aplaudimos a publicación de Escritoras na Galicia do século XIX (2014), de autoría coral e editado sob a coordinación de Carlos Andrés González Paz. Un libro cun aquel ao Diccionario de escritores gallegos (1858),escrito por Manuel Murguía e publicado por Juan Compañel na rúa Real do Berbés; un novo volume que fala en feminino e completa o vetusto ensaio que fala en masculino.

Juana de Vega (Condesa de Espoz y Mina) converteuse na Coruña na anfitroa de parladoiros e conspiracións progresistas mentres exercía a solidariedade cos de abaixo.Nesta facultade sen currículos nin programas docentes aprendeu Concepción Arenal(quen nos recibe no camposanto de Pereiró) a respectar a vida humana e así nosaconsellou con verba certa “abride escolas e pecharanse cárceres”. Sofía Casanova,xornalista galega afincada en Polonia onde viviu os grandes acontecementos mundiais,ou Emilia Pardo Bazán, voceira dos dereitos da muller no crepúsculo secular, incluído oda rebeldía (léase La tribuna). Outros nomes recollidos no citado libro amplían estatradición de protagonismo feminino onde, non esquezamos, Rosalía falou por todos (e todas) e para sempre (Pimentel dixit)

Esta lembranza das mulleres galegas debe incluírse no relato de país. Lembranza que seamplía con máis nomes protagónicos durante o pasado século: María Miramontes,María Barbeito, Olimpia Valencia, María Wonderburger, Placeres Castellanos, UraniaMella, María Casares, Xulia Minguillón… Porque debemos sabernos dignos eorgullosos de que elas teñan contribuído co seu esforzo na grande obra de converter Galiza nunha nación respectada e digna, nun lugar culto e tolerante, nunha terra viva intelectualmente. Lembremos sempre que os pobos cultos son única e verdadeiramente os pobos ceibes.

 

 

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Mulleres de noso

  1. Xosé Lois di:

    Fermoso comentario entronca con toda miña ideoloxía: Sempre lle dixen aos meus rapaces aprendices. Se queredes facer a revolución non a ides facer só cos grandes pensadores da sociloxía, si non que vai a depender moito da vosa formación intelectual, anque veña só da propia vida. Unha universidade pode ser unha fabrica de parados si non forma para a vida. Agora ben, a Universidade do mundo e a única capaz de cambiar o mundo.

Os comentarios están pechados.