Crónica de Ramón Villar Ponte. No horizonte do centenario das Irmandades da Fala

Publicado en Faro de Vigo (28-X-2015).

 

Castelao foi un artista metido a político, malgré lui. Non foi un político que fixo o artista. Ou se queren, non fixo artistadas na res publica, que é unha forma amábel de dicir “cacicadas”. O rianxeiro confesou que a orixe do galeguismo estaba en Antón Villar Ponte porque este fora o dínamo fundador das Irmandades da Fala en 1916. Entón foi cando o pintor se fixo activista.

Antón e Castelao conxugaron loitas cívicas e proxectos culturais; mesmo sentaron na tribuna política nas Cortes republicanas en 1931. Coido que foi a única vez que Galiza tivo un grupo parlamentario propio. A “minoría galega” representaba a Federación Republicana Galega, alianza de partidos nacionalistas e forzas españolas. En Lestrove, na casa que foi de Rosalía e Murguía, pendura o pacto que propiciou a constitución da FRG.

En 1936 os dous de sempre pularon pola Fronte Popular e saíron elixidos deputados. Aquela primavera de viño e flores prometía un futuro de liberdade. Mais a morte arrincounos o corpo de Antón. A tallada na anatomía republicana e nacionalista fíxose sentir.

O seu irmán máis novo, Ramón, ocupouse do encargo extraordinario de manter acesa a memoria, a lembranza e as ideas de Antón, para que así fose percibido como un “digno continuador”. Soster, logo, a memoria, a lembranza e as ideas da orixe do nacionalismo galego, segundo Castelao.

Os irmáns Villar Ponte son parte crucial da membrana uterina do nacionalismo contemporáneo, como ben explicou Emilio Insua en Unha irmandade alén do sangue (2004). Ramón exaltou a tarefa realizada polos primeiros difusores da grea irmandiña. Fíxoo no discurso de ingreso na RAG en 1951, cando as mans de Atila pingaban sangue de torturas e asasinatos. Malia as tebras, dende o mesmo ventre do silencio, Ramón exaltou con poderosa contundencia a Xeración do 16, como así titulou a intervención. Nome que vén sendo a versión política do que hoxe se coñece como Xeración Nós. O contido, dunha valentía subliñada, incrementou a xenreira dos franquistas sobre a súa persoa deica ser vítima dunha malleira por parte dos falanxistas na coruñesa Praza de Pontevedra, pouco tempo antes da súa morte.

Os irmáns Villar Ponte foron complementarios na súa múltiple actividade. Por isto saibamos que as Irmandades da Fala foron unha iniciativa pensada, falada e impulsada por os dous irmáns malia o costume faga esquecer Ramón. É de xustiza situar os dous nomes un cabo do outro. É xusto saber honrar a memoria da estirpe.

Antón foi o militante público de combate xornalístico e acción política, polémico e contestario. Léase a escolma Pensamento e sementeira (1971), obra prologada por Francisco Fernández del Riego. Ramón mantivo unha recluída militancia orgánica, malia ser alcalde de Viveiro en 1931, pero situou a súa pluma periodística nos principais xornais da época. Se cadra, recollido no seu Viveiro natal (Antón residía na Coruña), obtivo o tempo e o espazo suficientes para teorizar sobre o nacionalismo galego (Doctrina nazonalista, 1921; O sentimento nazonalista e o internazonalismo, 1929; e Breviario de Autonomía, 1933) e a investigar sobre o noso pasado (Historia sintética de Galicia, 1927), obra coa que inaugura a súa andaina Editorial Nós de Ánxel Casal. Outra interesante achega, polo singular que resulta no seu tempo, foi O feito lingüístico galego (editado en 2003 pola AS-PG) que relata as ideas lingüísticas vivas no debate do campo cultural galego.

Aténdase, pois, ás diversas facetas e producións de Ramón Villar Ponte para valorarmos a súa xusta reposición na lembranza das Irmandades da Fala e as orixes do galeguismo. Degoiramos que o vindeiro ano poidamos contribuír a abrir un debate tanto arredor das Irmandades como das súas propias figuras, que abran novos rumos de investigación que deiten luz sobre a nosa historia recente. Todo co fin de exercer a memoria histórica como mellor antídoto ante o asalto á razón que presenciamos perante os nosos propios ollos.

 

Xurxo Martínez González

Esta entrada foi publicada en Historia do nacionalismo e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.