Acto de defensa da tese de doutoramento

Texto lido durante a defensa da tese de doutoramento celebrada o 30 de xullo na Universidade de Vigo.

Coa venia do tribunal,

 

O escritor italiano Umberto Eco asinou en 1977 un ensaio titulado Como si fa una tesi di laurea. Con certeza, o meu director de tese de doutoramento, o profesor Gonzalo Navaza, indicoume dende a primeira hora un consello tomado das páxinas do citado volume: “sexa modesto nos seus obxectivos”. Se cadra, por mor dunha rebeldía conxénita, admitida con simpatía polo noso director, non atendín a tan certeira recomendación e, cando me decatei, ao meu arredor os cartafoles trazaban un círculo de borneo como fan os barcos fondeados no mar, deica ocupar o espazo físico da sala de traballo.

 

Toda a información recolleita ao longo de varios anos durante as visitas a arquivos públicos e privados, bibliotecas e fundacións, academias e hemerotecas, conversas e seminarios localizados intra e extramuros deste antergo e atlántico Reino de Galiza dispuxo ante nós o reto de procesala e sintetizala. Esta recompilación arqueolóxica provocou, malia o esforzo por comprimir este material, que en determinados intres aumentase a densidade na redacción, tornando tediosa a súa lectura e extenso o resultado final. Porén, coidamos que tanto os datos inéditos ou pouco difundidos así como as propostas analíticas que adoptamos deberan emerxer na medida en que nos permitisen centrar con maior exactitude o noso obxecto de estudo e que tamén nos permitisen ter en conta as variábeis que determinaron e participaron durante a súa curta existencia.

 

Con todo, o corpus da nosa investigación abrangue unicamente a primeira época ou xeira de La Oliva. Periódico de política, literatura e intereses materiales (Vigo, 1856-1857), despois subtitulado como Periódico de Galicia, subtítulo que confesa a pretensión nacional da cal quixeron dotala os redactores nesa tarefa común da “grande obra” evocada unha década antes por Antolín Faraldo, figura chorada e reivindicada dende as follas do xornal vigués. Traballamos a partir dunha colección orixinal completa (custodiada na chamada Escolar Popular de Vigo) e da cal hai unha copia na Fundación Penzol, cripta de eméritos sabios. Por conseguinte, quedan por estudar os seus restantes dezaseis anos de vida ora fose baixo o nome d´El Miño (1857-1868), ora fose na segunda época de La Oliva (1868-1873) coa mesma intensidade e prospección que nos marcamos para este traballo académico e a partir do material accesíbel, por incompleto ou mutilado en que este se atope porque os silencios nunha partitura tamén forman parte da composición.

 

O enfoque da nosa investigación dá unha enorme importancia ás condicións materiais, históricas e sociolóxicas en que se elaborou La Oliva. Consideramos oportuno introducir varias perspectivas científicas que englobasen estas preocupacións e que respondesen a un duplo fin: primeiro, tirar unhas conclusións dentro de cada campo científico e, segundo, cruzar estas mesmas conclusións entre si para extraer unha interpretación o máis global e rica posíbel en matices. É dicir, colocamos sobre a placa de Petri, nunha transmutación do filólogo en biólogo, as diferentes mostras para estudar con detalle os resultados da aplicación da nosa teoría e proposta metodolóxica.

 

En todos os capítulos compatibilizamos dous planos: o que afecta ao ámbito galego e o que afecta ao estritamente local xa que La Oliva foi un periódico con ambas dimensións onde a defensa dos intereses galegos non impedían a defensa dos intereses de Vigo (lembremos a cuestión do ferrocarril). Ademais, teñamos en conta que a diversificación que se produce neste tempo na prensa provincialista (antes recluída a Compostela e A Coruña) explica o nacemento do fenómeno do confronto localista (como sucedeu coa prensa herculina ou con El Restaurador de Pontevedra).

 

Pero ademais o noso estudo tamén pretendeu coñecer a vida intelectual da urbe atlántica, urbe onde brillan os pés do vento como dixera o poeta. A actividade editorial de Juan Compañel na rúa Real (coa publicación de La Oliva e El Miño mais tamén das primeiras obras de Rosalía de Castro e Manuel Murguía) colocaron a Vigo no circuíto cultural rexurdimentista deica o punto de ser o enclave xeográfico de referencia nos anos centrais. É falsa, pois, a consideración secundaria desta cidade na historia da cultura galega e falsa tamén é aquela interpretación que considera a publicación de Cantares gallegos en Vigo como unha especie de “accidente” ou “casualidade”. Cremos, pois, demostrar que nesta cidade se vivía un dinámico proceso industrializador, un novo deseño urbanístico, un notábel incremento demográfico pero tamén, en paralelo e relacionado con este contexto, unha actividade sociocultural e editorial brillante.

 

En consecuencia estudamos La Oliva dende o ámbito literario, sociolóxico, histórico e comunicativo co afán de executar o enfoque multi e interdisciplinar do cal acabamos de falar. Canda estas aproximacións teóricas atendemos aos datos que deitasen luz sobre a formación da identidade colectiva nacional. É dicir, subliñamos aquelas contribucións tomadas dos distintos ámbitos citados que nutriron o relato do imaxinario común do pobo galego nun contexto central na historia de Galiza, o Rexurdimento, e nunha fase concreta do discurso da historia da literatura como foi a do chamado “nacionalismo literario”. A investigadora Anne-Marie Thiesse lémbranos a importancia do xornalismo neste aspecto: “No resulta menos evidente que la creación de periódicos juega un papel mayor en la difusión del sentimiento identitario, fundando una nueva forma y un nuevo cuadro de debates. La prensa […] crea y estructura la opinión pública, define los temas y los envites de discusiones recuperadas oralmente en los círculos frecuentados por sus lectores que se hallan así incluidos en un espacio que excede al de sus experiencias personales y profesionales”.

 

A aproximación ao tempo histórico en que se publica en Vigo este xornal galeguista/provincialista e progresista fíxose tomando en consideración a denominada “experiencia da subalternidade”, nos termos presentados por González-Millán en Resistencia cultural e diferencia histórica (2000). Porque se non atendemos os factores e as consecuencias dunha relación entre un sistema dominante (o sistema cultural español) e un sistema subalterno (o protosistema cultural galego ou provincial) acabariamos por presentar unha escenografía trucada ou truncada dos anos centrais da nosa renacenza e, por tanto, unha perspectiva sobre La Oliva que desbotase na análise as dificultades xeradas precisamente por esta propia experiencia e como se fixeron fronte a elas. Pero ademais cómpre poñer o lente sobre os propios procesos internos do sistema literario galego a partir, por exemplo, do deseño de discurso literario ou as tensións xeradas dentro do propio campo cultural. Por conseguinte, o estudo de La Oliva pretendeu ter en conta os distintos factores esóxenos e endóxenos da cultura galega prestando unha especial atención á literatura, posto que é un dos temas centrais da nosa tese de doutoramento.

 

Permítanme que nesta altura da defensa continúe coa exposición a partir de epígrafes que corresponden ás principais conclusións obtidas en cada campo científico. Deste xeito queremos ordenar esta disertación para facer máis levadío o acto.

 

  1. A perspectiva sociolóxica e a esfera pública.

 

Non menos importante resultou o aspecto sociolóxico para comprender con maior amplitude todo o que levamos dito deica agora. O estudo do periódico vigués fixémolo dende as contribucións de Maurice Agulhon e do seu concepto de sociabilidade que adopta como categoría histórica. Este investigador francés define a sociabilidade da seguinte maneira: “un sistema de relaciones que confrontan a los individuos entre ellos o que los unen en grupos más o menos naturales, más o menos coactivos, más o menos estables, más o menos numerosos”.

 

A introdución e aplicación desta metodoloxía nos estudos culturais españois e galegos foi tardía se temos en conta que Agulhon emprega o concepto na súa tese publicada en 1966 e que no Estado español comezaría a difundirse en 1989 a partir do monográfico “La sociabilidad en la España contemporánea”, incluído na revista Estudios de Historia Social. Por tanto, para o caso galego cremos difundir unha achega sociolóxica que se amosa operativa e útil para os estudos culturais do noso país.

 

Agulhon aplicou a sociabilidade a un tempo concreto (o paso do Antigo Réxime ao sistema liberal) e a un lugar concreto (a Provenza). Entre outras conclusións sostén que a conformación de novos espazos sociais formais axudou á politización e democratización da sociedade (síntomas do ingreso na modernidade). Noutras palabras: a sociabilidade convértese nun mecanismo que explica e comprende a transformación política e social na segunda metade do xviii e inicios do xix, transformacións que afectan á cultura e á súa creación. Pero á súa vez Agulhon toma en consideración a función dos periódicos neste contexto, a influencia dos gustos e dos hábitos sociais da burguesía como nova clase social emerxente e dirixente, e pon a énfase nas relacións persoais de tipo familiar ou emotivas que axudan á cohesión do grupo.

 

A consideración dos redactores e colaboradores máis próximos a La Oliva como “axentes de socialización” permitiunos descubrir unha rede comunicativa moi ampla, que se movía acabalo entre Vigo e Madrid, e que unía os círculos progresistas, demócratas e provincialistas de ambas urbes. Isto facilitaba ao periódico vigués, por exemplo unha fonte de información valiosísima e enormemente valorada polos seus lectores.

 

Por outra parte tomamos nota dunha proposta do profesor xermano Andreas Gelz e continuando a súa liña investigadora observamos que La Oliva funcionaba como un “parladoiro imaxinario” (no parladoiro fálase dos textos escritos e, á súa vez, esta conversa mesma é fixada na escritura). O parladoiro imaxinario tiña un alcance segundo alcanzase a distribución do periódico, cunha ampla participación de persoas e que presentaba finalmente unha nova forma de sociabilidade por mor do propio feito público de lectura en alto.

 

A prensa, que vivía unha época florecente nos períodos de liberdades e gobernos liberais até asentarse no ordenamento constitucional, tiña un rol central na elaboración da opinión pública provincialista dentro do espazo ou esfera pública que teoriza Jürgen Habermas en Historia y crítica de la opinión pública. Antoni Domènech, tradutor desta obra, define a esfera pública como o “ámbito social encargado de mediar entre sociedad civil y Estado, de hacer valer las necesidades de la sociedad civil frente al Estado y luego también en el Estado”. O importante da opinión pública non son as funcións nin os contidos da comunicación senón o espazo social xerado na acción comunicativa. Así a prensa aparece fronte ao poder como a voz da opinión pública que podía ser propia (editorial) ou privada (colaboradores). En todo caso, o periódico convértese nunha peza protagonista na engrenaxe deste espazo social e faino en íntima relación cos círculos sociais. Xorden pois novos lugares autónomos de opinión, discusión e decisión.

 

  1. A fasquía de La Oliva

 

La Oliva foi un periódico de provincia e de opinión (por tanto, non informativo), vespertino, cun formato tabloide, bisemanal e durante unhas semanas trisemanal, cunha tiraxe de 500 exemplares (cifra inaudita e sen rival no elenco xornalístico galego), cos anuncios e a subscrición como principais fontes de financiamento, cunha fortaleza económica notábel e descoñecida na prensa do país, cunha densa oferta cultural (folletín e suplemento dirixidos por Manuel Murguía), con novidosos contidos de interese para o público (seccións con información que viña directamente de Europa, grazas a Ramón de la Sagra ou con crónicas dos sucesos parlamentarios de Madrid elaboradas por colaboradores propios no canto dunha amalgama de extractos da prensa madrileña) e que presentaba varias seccións dedicadas ao comercio, á actividade mercantil e á economía. Todos estes trazos facían de La Oliva un modelo de periódico de provincia único e singular na até entón historia da prensa galega.

 

A aproximación ao seu estudo fixémolo dende antes da aparición do prospecto en xaneiro de 1856. É dicir: quixemos ir máis atrás porque comprendemos o fecundación de La Oliva como se dun mamífero se tratase e que se desenvolve como proxecto nos círculos sociais deica o día do parto. Así, por un lado, estudamos e analizamos a tradición da prensa provincialista e progresista galega para demostrar como La Oliva está situada nesa tendencia e é continuadora da mesma (cómpre salientar a simbólica reivindicación de Antolín Faraldo e d´El Porvenir, que lembremos fora impreso no obradoiro da familia Compañel na Compostela de 1845).

 

Demostramos como o periódico é a continuación escrita do debate e opinión dun determinado círculo que comeza por organizarse de maneira privada ou clandestina (rebotica de José María Chao, localizada na Praza da Constitución de Vigo) e logo pública (no citado Recreo Artístico e Industrial de la Ciudad de Vigo). Este enfoque afástanos da análise unicamente textualista e pon de relevo as condicións materiais e ideolóxicas que participan na súa fundación. En consecuencia o estudo da prensa debe superar os propios lindes cronolóxico da aparición do primeiro e último número do periódico, tratar de comprender o proceso previo de debate e detectar os axentes, motivacións, opinións etc. que participan.

 

Por último, no plano local demos conta da saída á luz de Faro de Vigo en 1853 como portavoz dos intereses moderados. A formación da esfera pública (na cal participa activamente o Faro) obrigou, en certo sentido, a que os sectores progresistas puros ideasen dúas iniciativas: a constitución dun círculo social propio (Recreo Artístico e Industrial de la Ciudad de Vigo) e a publicación dun xornal (La Oliva). O obxectivo era claro: retrucar a liña editorial de Faro de Vigo e situar na esfera pública a súa interpretación e opinión dos feitos coetáneos. En definitiva, hai que tomar o periódico como obxecto de estudo e non como unha exclusiva fonte de información.

 

  1. O provincialismo e o nacionalismo literario

 

A dependencia entre o campo cultural e o campo político na metade do oitocentos galego é unha realidade perceptíbel na mesma epiderme de La Oliva. A íntima comunicación dos dous campos percíbese, por exemplo, nos artigos de Manuel Murguía, e expresa unha característica propia da etapa do “nacionalismo literario”. A doutrina provincialista aprópiase dos elementos exaltados e difundidos pola expresión cultural e a expresión cultural nútrese dos contidos da doutrina provincialista. Este matrimonio xera unha complexa ligazón en que se advirten aspectos positivos e negativos para a consolidación da autonomía do campo literario en construción. Antón Figueroa atende a este asunto no libro Nación, literatura, identidade: “a produción literaria galega en galego xorde estreitamente vinculada a unhas tomas de posición políticas, tomas de posición heterodoxas no campo político español, na medida en que, cun enfoque rexionalista ou nacionalista, reclamaban unha certa autonomía política. Ó mesmo tempo, as tomas de posición implicadas polos textos literarios participaban deste carácter político pola súa temática, mais sobre todo polo feito de escribir nunha lingua distinta do castelán”. […] “a literatura [tiña] un poder extraliterario, un poder certamente forte, pero heterónomo, de carácter político, que ó mesmo tempo dificultaba, e, na proporción da súa importancia, atrasaba a súa constitución en literatura à part entière, é dicir, en campo autónomo. Resulta sen embargo evidente, aínda parecendo paradoxal, que a inicial heterodoxia lingüística e política (que contaminaba heteronomanente a literatura) era a que posibilita que a literatura galega tivese un día a posibilidade de constituírse realmente nunha literatura nacional autónoma”.

 

Por conseguinte, dedicamos un amplo espazo a falar do provincialismo, á súa conformación como doutrina política, aos elementos que a constitúen (case sempre compartidos coa literatura), aos primeiros síntomas no debate español (vivo xa nas Cortes de Cádiz) seguindo a investigación de Josep-Ramon Segarra i Estarelles e tendo en conta aqueloutras propostas teóricas arredor da formación da identidade que atopamos en autores como Borja de Riquer (a teoría da feble nacionalización), Josep Maria Fradera (a teoría do duplo patriotismo) ou na magna obra de José Álvarez Junco titulada Mater Dolorosa. La idea de España en el siglo xix.

 

Precisamente, as achegas de Segarra i Estarelles forzan a que se volva sobre a cronoloxía do provincialismo galego e se revise o esquema proposto no seu día por Xosé Ramón Barreiro Fernández e continuado por Justo Beramendi. Esta cronoloxía xa comeza a ser discutida en base ás descubertas máis recentes sobre as actividades dos ilustrados galegos e dos primeiros liberais. Neste sentido, en relación co provincialismo político e cultural, a lectura que Anxo Angueira propón para a periodización do Rexurdimento no seu volume Das Copras de Sarmiento ós Cantares de Rosalía representa, con certeza, unha impugnación á lectura tradicional e preséntase como un desafío para a investigación, tanto se é para adherirse como se é para rexeitala.

 

  1. A patente do progresismo puro

 

La Oliva, que naceu no crepúsculo do Bienio Liberal presidido por Espartero, o Duque da Vitoria, foi un heraldo dos intereses dos denominados “progresistas puros”, alianza política entre os sectores radicalizados do Partido Progresista e os sectores transixentes do Partido Demócrata. Os editoriais e os colaboradores testemuñan publicamente o sentir da redacción que fica retratada nos dous homes encargados de promover e fundar o periódico: Eduardo Chao (líder e deputado nas Cortes polo Partido Demócrata) e José Ramón Fernández (líder e concelleiro en Vigo polo Partido Progresista). Ambos foron partidarios da figura do militar Espartero, a quen La Oliva exhime de responsabilidades dos erros do Bienio, e ambos compartían lazos familiares (eran cuñados), como practicamente toda a redacción pertencía á estirpe dos Chao, incluído Manuel Murguía e Rosalía de Castro, dato non menor para cubrir capítulos biográficos e ideolóxicos deste matrimonio que deu ouro e brillantez diamantina ao Rexurdimento.

 

Malia todo constatamos que existía unha maior presenza e atención nas páxinas de La Oliva ás actividades, opinións e prensa demócrata. Isto fainos pensar que, malia a opinión de Barreiro Fernández e Beramendi, o periódico vigués non era por suposto un xornal do Partido Progresista en xeral (é dicir, como se aceptaramos unha posición única no interior do partido que desbotase as diversas tendencias), senón que era un xornal dos “progresistas puros” pero claramente propicio aos intereses demócratas, é dicir, republicanos e próximos ao pensamento provincialista formulado como descentralización e non en termos arredistas (aínda que exista puntualmente este sentimento). A tendencia ideolóxica de La Oliva, continuadora da prensa do 46, fíxose dominante e dominou o Rexurdimento grazas non só á súa hexemonía entre o resto de cabeceiras xornalísticas, senón porque contaba con figuras centrais que idearon, pensaron e escribiron sobre a “misión” daquel grupo de 1856 como fixo Manuel Murguía.

 

  1. A soleira do Rexurdimento

 

No tránsito entre le Siècle de Lumières e o século do romanticismo asistimos á conformación das novas ideas políticas e estéticas (o liberalismo e o romanticismo), á mudanza económica (capitalismo e revolución industrial), ao espertar dos movementos nacionalistas emancipatorios (Bélxica, Polonia ou Irlanda) e aos reunificadores (Italia ou Alemaña), que deseñan un novo mapa europeo cargado de inestabilidade e de profundas mudanzas sociais, culturais, económicas, políticas, comunicativas, recreativas e relixiosas que adiantan a modernidade. Galiza, malia ser o recuncho peninsular, a fisterra atlántica, estaba conectada, grazas sobre todo á comunicación marítima (como ten demostrado Martín González no extenso libro titulado El idioma de la razón), cos sucesos europeos que, sen dúbida, influirán no seu desenvolvemento. O impacto do romanticismo, que Isaiah Berlin define como a “gran transformación da conciencia de occidente”, é, por exemplo, un dos campos da investigación máis atractivos para comprender a elaboración do relato da memoria silenciada do pobo galego, a identificación dos elementos que conforman o imaxinario común e a produción literaria en clave provincialista. Na tese deixamos constancia destes acontecementos e do seu impacto en Galiza pero, en todo caso, o que nos interesa é resaltar que o Rexurdimento é unha expresión, a fin de contas, do paso á modernidade e que se localiza na cronoloxía do devir de Europa.

 

O título da nosa tese fala de La Oliva como “soleira do Rexurdimento”. Esta referencia ao soarego ou limiar da porta da casa pretende ilustrar a imaxe do noso obxecto de estudo como un chanzo máis dado dentro do Rexurdimento que o leva ao período central ou pleno datado simbolicamente en 1863 coa publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Este periódico ocupou un posto central na nosa renacenza ao presentarse como elo ou ponte entre dúas xeracións provincialistas e progresistas (a de 1846 e a de 1856) e ao adiantar ideas ou participar en propostas que consolidarán e confirmarán a intención e o sentido da rexeneración galega, isto é: fornecer ao territorio e aos seus habitantes de prestixio, memoria, identidade, cultura, orgullo, conciencia etc. Pensemos, pois, na homenaxe pública feita dende as páxinas de La Oliva aos Mártires de Carral (a primeira que se facía na prensa galega tras dez anos dos fusilamentos), na sección titulada “Crónicas de Galicia”, nos contidos da “Biblioteca de La Oliva”, na “Floresta” ou nos artigos arredor da historia política, da literatura provincial e do modelo de poeta galego que enuncia Manuel Murguía.

 

A importancia do Rexurdimento consegue ocupar un posto medular nesta tese. Por este motivo outorgamos un amplo espazo do noso traballo a estudar as distintas interpretacións dadas ao Rexurdimento e atendemos á fixación e aplicación do criterio filolóxico. Nesta liña quixemos propor unha definición propia, que se alimenta e dialoga coas propostas máis recentes, para cotexar a súa validez na análise de La Oliva en canto o xornal é un elemento máis, pero notorio, da cadea renacentista. Nesta altura debemos confesar a influencia dos traballos de distintos investigadores cataláns e valencianos organizados arredor do Grup d´Estudi de la Literatura del Vuit-Cents.

 

Para nós a cronoloxía do Rexurdimento abrangueu practicamente todo o século xix, se aceptamos o seu inicio nos anos da francesada e poñemos o cabo en 1906, cando a fundación da RAG. Unha proposta cronolóxica feita a partir da concepción da nosa renacenza como un movemento alén do estritamente cultural condicionado polo xa descrito tempo histórico (liberalismo, nacionalismo e romanticismo), impulsado por unha reducida elite intelectual comprometida co progreso do país e cos seguintes obxectivos: restituír a memoria histórica (memoria silenciada) para prestixiar o que somos mediante a exaltación do pasado e do popular; enxalzar os méritos, riquezas naturais e capacidades demostradas na historia e latexantes no presente que amosan o inicio de “la hora de la regeneración” (en palabras de Manuel Murguía); reivindicar o respecto e o recoñecemento da nosa terra por parte dos foráneos e incluso por parte dos mesmos habitantes (exemplos de seres alleados); e propiciar a mudanza discursiva arredor dos trazos identitarios mudando en positivo a tradicional visión negativa (emancipación identitaria), por tanto, enfrontarse á chamada síndrome da aldraxe. A partir de aquí os axentes do Rexurdimento pretenden crear tanto un relato histórico do pobo galego, diferenciado do relato español, como configurar o repertorio do imaxinario común a partir de operacións de inclusión e exclusión para afirmar a existencia dun xenio nacional, (volksgeist) que é a fonte da nosa cultura e produción artística.

 

  1. A dimensión nacional en La Oliva

 

Antes referímonos á vontade de representar a Galiza por parte de La Oliva cun subtítulo que rezaba precisamente “Periódico de Galicia”. Anos despois, xa baixo o título d´El Miño incluiría o lema “Todo por Galicia. Todo para Galicia”, con claras reminiscencias d´El Porvenir de Antolín Faraldo (máis unha vez!). O provincialismo diluíase na tinta de cada letra do periódico vigués.

Durante a investigación detectamos que a maior presenza do discurso provincialista, sen que por iso continuase sendo un xornal preminentemente progresista puro, coincidiu co ascenso á dirección de Juan Compañel, figura que cómpre lembrar e reivindicar (hoxe xa leva o seu nome a nosa biblioteca municipal), e coa aparición do suplemento cultural “Floresta” baixo a responsabilidade de Manuel Murguía. Ambos, pois, Compañel e Murguía, están pulando por dotar a La Oliva dunha clara fasquía provincialista, comprometida co país e cun evidente propósito de converter o periódico nun lugar común do Rexurdimento.

Isto obsérvase, por exemplo, no convite da redacción viguesa aos escritores provincialistas dos núcleos da Coruña e Ferrol que, tras seren pechados os seus xornais (El Clamor de Galicia e despois El Defensor de Galicia), aceptaron gustosamente colaborar con La Oliva. De Compostela chegaban as colaboracións de Aurelio Aguirre, laureado e devoto poeta daquela altura, e de Eduardo Pondal (dous dos protagonistas do Banquete de Conxo, que foi defendido por La Oliva ante os ataques e aldraxes do poder conservador e eclesiástico). De Pontevedra chegaban as cuartillas de José López de la Vega ou dos Rodríguez Seoane. E así de tantos outros lugares desta nosa terra.

Leamos precisamente un anaco dun solto moi elocuente con respecto a este asunto e co cal, coidamos, se pode resumir esta vontade nacional:

 

Gallegos, y escribiendo un periódico en Galicia y para Galicia, nuestro mayor anhelo es hacer que desaparezcan esas rivalidades de pueblo á pueblo, que creemos la más principal concausa del mal estar que aflige á este país. Ya con nuestro involvidable

hermano el Clamor de Galicia, habíamos dado un gran paso, pero hoy creemos haber alcanzado nuestros deseos con las galantes palabras del Sr. D. Ricardo Puente y Brañas. […] el público de LA OLIVA en general, es el público de Galicia, es el público del Defensor; no es el público de Vigo aisladamente, sino el de la Coruña, Pontevedra Orense, Lugo, Santiago, Ferrol, Betanzos, Monforte, Carril, Caldas, Villagarcía, Cambados, Vivero, Rivadeo, Bayona; en fin, el público de Galicia, á quien tanto queremos.

Gallegos, y escribiendo un periódico en Galicia y para Galicia, no conocemos las localidades sino en su importancia relativa al bienestar social de todo el país. He aquí porqué sentimos tanto júbilo al recibir adhesiones de los entendidos hijos de otras

ciudades.

Nuestro valor se reanima, y creemos que el Sr. Puente y Brañas nos acompañará

siempre en la defensa de la felicidad de nuestro suelo, hoy en el terreno de los intereses

materiales, mañana en el estadio político, y siempre unidos fraternalmente lucharemos

como buenos Hermanos de Galicia. LA REDACCIÓN

 

Lembremos que xa baixo o título d´El Miño se publicará no folletín e no suplemento cultural distintas colaboracións logo recollidas no chamado El Álbum de El Miño, publicado en 1858. Juan Compañel escribe o seguinte no prólogo: “Todo lo que tenga relación con Galicia, tiene ya en las columenas del Album su lugar designado. Su historia, las creencias populares, las descripciones de sus monumentos, los cantos de sus poetas, las canciones populares, esas gotas fresquísimas de la poesía del pueblo, todo ello merecerá nuestra atención. Queremos hacer un libro que encierre en sus páginas algo de aquello que constituye la gloria de nuestro país”. Son unhas palabras elocuentes tanto do aroma romántico que inunda cada liña como do sangue do Rexurdimento.

 

  1. A proposta de criterio filolóxico de Manuel Murguía

 

Ao longo desta exposición mencionamos en repetidas veces a Manuel Murguía, pai e ideólogo central do nacionalismo galego na súa vertente progresista. Dende La Oliva exporá a súa visión de Galiza feita a partir de dous ensaios que se centraba, un na historia política e o outro na historia da literatura provincial. Ambos textos redactáronse en paralelo porque Murguía concibía a nación a partir da existencia e demostración histórica dun pasado propio que, á súa vez, xeraba un cultura propia diferenciada do resto dos pobos peninsulares. As dúas cuestións (o pasado político propio e a conformación dunha identidade colectiva nacional) foron as columnas sobre as cales o historiador definiu o carácter nacional de Galiza. Insistimos, estes artigos publicados en La Oliva son fundamentais, cruciais e definitivos para o pulo do Rexurdimento tanto no plano político como no plano cultural. En todo caso o propio Murguía consolidaría e fortalecería a súa teoría en dous monografías que son o resultado da maduración destas teses expostas no periódico vigués. Referímonos tanto ao Diccionario de escritores gallegos como ao primeiro volume da Historia de Galicia.

A relevancia destes traballos para o sistema literario galego obrigaríanos a unha explicación demorada pero unhas máis esixentes obrigas en canto ao tempo de defensa nos levan a presentar moi breve e sucintamente a tese de Murguía.

O máis relevante da exposición do pontífice do nacionalismo arredor da historia política galega, alén da metodoloxía e enfoques influenciados polo romanticismo, recóllese en dúas ideas: Galiza posúe un pasado propio que só comparte con España a partir da centralización aplicada polos Reis Católicos (aos que se acusa da decadencia do Reino galego) e que os períodos en que Galiza posuía un goberno propio coincidía cos períodos esplendorosos en todas as súas manifestacións (incluída a cultural).

Por outra parte, e xa enfiado cos traballos dedicados á literatura galega, Murguía explica que a presenza de distintos pobos no territorio galego propiciaron a mestura de razas e a posterior conformación dunha identidade propia e da aparición do Reino de Galiza. Alén dos celtas, romanos, suevos ou visigodos, o autor conclúe que o pasado galego constitúe o crisol da nosa identidade. Esta nosa cultura exprésase na arte de xeito tan distante da expresión artística meridional como tan achegdaa está á expresión artística dos pobos do Norte (sobre todo os de pasado celta como Escocia que se cita como modelo). Por iso só coñecendo esta identidade, que se presenta como alma, espírito ou xenio nacional (o volksgeist), se pode facer realmente arte e que imitar ou crear arte tendo como referencia o volksgeist doutro pobo só leva á frustración, mediocridade e fracaso.

Baixo esta idea Murguía cre que a decadencia literaria galega nos Séculos Escuros se debeu a que os escritores galegos pretenderon imitar e escribir en base ao xenio nacional español e non galego. Por tanto, para que Galiza tivese de novo grandes poetas estes tiñan que escoitar a alma do seu pobo, coñecer os seus costumes, crenzas, cantigas, músicas, paisaxes etc. etc. porque todos estes elementos conforman a identidade galega, o xenio nacional, o volksgeist galego. Murguía di claramente que esta é a misión (no sentido teleolóxico e místico, tan marcadamente romántico) do poeta do Rexurdimento.

Pero máis adiante Murguía dará un paso máis pois, na liña dos criterios do filósofo alemán do romanticismo Johan Gottfried Herder, asume que a expresión directa da alma, do espírito, do xenio nacional por parte dun artista só se pode realizar na lingua en que aprendeu a falar e a relacionarse co seu entorno humano e natural porque é a expresión directa, espontánea, natural, sentimental. En consecuencia, a verdadeira literatura galega capaz de expresar o volksgeist galego era aquela escrita na lingua galega. Así foi como Murguía introducía o criterio filolóxico que, logo dos debates e abalos posteriores, acabarían por constituírse no criterio central para o actual fixación do campo literario galego.

 

Logo destes epígrafes, onde pretendemos recoller as principias teorías inseridas na tese e a aplicación sobre o noso obxecto de estudo, chega o intre de poñer cabo. Manexámonos sempre dentro dos marcos do rigor científico e coa voracidade intelectual de quen pretende descubrilo e comprendelo absolutamente todo (Sapere aude), tarefa imposíbel para quen aínda vive un proceso de constante aprendizaxe e que nos lembra, unha vez máis, o consello de Umberto Eco. Permítasenos, pola contra, tirar un aresta positiva desta actividade investigadora ao concordar coa idea de que coñecer se aprende coñecendo, que nos trae á memoria o poemario de Carlos Drummond de Andrade Amar se aprende amando, título tomado daquel verso adxudicado a Goethe e que nos deixa un doce pouso na lingua e nos ollos: “só é possível ensinar uma criança a amar, amando-a”.

En todo caso sirva este traballo e esforzo senón como un pretendido traballo de investigación si como unha contribución para que como dixo Rosalía de Castro ao pechar o prólogo de Cantares gallego que “se vexa con respeto e adimiración merecidas esta infortunada Galicia!”.

 

Distinguido público,

Señora presidenta, señora secretaria, señor vogal,

Obrigado pola vosa atención. Infinitas grazas pola vosa atención.

 

Agora sométome ás valoracións e preguntas do tribunal.

Esta entrada foi publicada en Cultura galega, Literatura galega, Rexurdimento e etiquetada , , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.