Con García Lorca en Vigo. Un Día das Letras Galegas

Xurxo Martínez González (publicado en Faro de Vigo o 9 de abril de 2015)

 

Manuel Rivas propuña na revista Luzes un Día das Letras Galegas para Federico García Lorca. Imaxinan celebrar unha sesión plenaria da nosa centenaria institución en La Fuente, na anterga terra andalusí de Granada? Unha imaxe da comprensión e diálogo das culturas, da diversidade lingüística, nun lugar que foi igualmente un crisol cultural.

O poeta recoñeceu o feitizo galaico que tornou o seu xenio cara a unha terra deostada e unha lingua desprezada. E o Lorca universal quiso aprender a nosa lingua para escribir egrexios versos que son ópalos na literatura galega. Poesía de papel fino e letra calada. “Me sentí poeta gallego, y una imperiosa necesidad de hacer versos. Su cantar me obligó a estudiar a Galicia y su dialecto o idioma”, declarara o escritor fusilado polos corifeos malditos do amor á morte e da xenreira á intelixencia. Dende novo xa lía a lírica medieval galega, a Rosalía, Curros ou Manuel Antonio e incluso interpretaba cantigas do noso acervo cultural.

García Lorca visitou Galiza en catro ocasións, a primeira en 1916 sendo un mozo. En maio de 1932 pisou as rúas da nosa cidade atlántica. Na estación do ferrocarril estaban o Roberto González Pastoriza (avogado antifeixista que defendeu os concelleiros e alcalde republicanos fusilados), o esguío Gómez Román, de dandy chapeu, e outros compañeiros que conformaban o Comité de Cooperación Intelectual. Republicanos e galeguistas abrazaban Lorca, compartían mesa no Derby e paseaban con alegre cadencia nos tempos felices da República. Falou no Teatro García Barbón o día 6 cunha conferencia titulada “Arquitectura del cante jondo”. Volveu a Vigo o 25 de agosto dese mesmo ano coa súa compañía La Barraca, recibido sempre con especial cariño e atención pública.

Logo estivo en varios lugares como Compostela, A Coruña ou Lugo onde reuniu unha poderosa audiencia. Dicíase na prensa galega: “o poeta máis popular de España”. E matáronolo. A nós tamén porque Lorca contribuíu á internacionalización da literatura galega con seis poemas editados polo Ánxel Casal, outro asasinado en agosto de 1936.

Os Seis poemas galegos ían prologados polo Eduardo Blanco Amor, de quen se fala a miúdo ante o éxito merecido d´A esmorga en versión cinematográfica. Unha adaptación espléndida, de sublime calidade na interpretación, na densidade da expresión, na fotografía. Precisamente o Blanco Amor gustaba da fotografía e algúns dos coñecidos retratos de Lorca son da autoría do auriense. Por exemplo, a instantánea do poeta granadino coa súa nai nunha sala da casa ou el mesmo sentado no escritorio particular.

O primeiro dos poemas escritos en galego por Lorca publicouno nas páxinas do vigués El Pueblo Gallego (tomado da revista lucense Yunque) e, para o noso gusto, trátase dunha exquisita composición. Sob o título de “Madrigal â cibdá de Santiago” (se cadra hoxe máis coñecido como “Chove en Santiago”, popularizado na música por Luar na Lubre) encontramos ecos vangardistas e un forte poder evocativo que recrea a líquida cidade levítica.

Sobre a estadía de Lorca en Galiza e as composicións en galego hai traballos publicados, algúns nestas mesmas páxinas de Faro de Vigo. Tamén se escribiu sobre a participación de Eduardo Blanco Amor e Ernesto Guerra da Cal na redacción/suxestión dalgúns versos lorquiáns. O González Pastoriza dixera que no Derby Lorca tomara nota de palabras galegas, segundo Alonso Montero. Algo semellante pasou en Lugo con Ánxel Fole ou en Madrid con Jesús Bal y Gay, excepcional músico de escaso recoñecemento público en Galiza.

Este repertorio de amigos da máis exquisita intelectualidade e creación artística expresan unha vivaz relación de Lorca con Galiza. Un anaco del está esparexido entre nosoutros. Por iso retomamos a proposta do Rivas e demandamos dende estas liñas que cedo Federico García Lorca teña un Día das Letras Galegas. Ben que o merece.

Esta entrada foi publicada en Literatura galega e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.