Manuel Antonio. Oda marítima

Publicado en Faro de Vigo (5.3.2015).

Xurxo Martínez González

Sozinho, no cais deserto, a esta manhã de verão”. Velaí os versos iniciais do sublime poema “Ode marítima”, do Álvaro de Campos, trasunto do caleidoscópico Fernando Pessoa. Este extenso texto disque foi escrito dunha tirada mentres o autor outeaba o romper do día en Lisboa dende o cais lambido polas augas do Tejo. A súa lectura é unha onza de chocolate entre a lingua. A quen lle preste escoitalo recomendámo-lo recitado de João Grosso.

No peirao do Berbés detíñase o Manuel Antonio marítimo e atlántico para observa-las Illas Cíes coma dentadas nas nubens. Baixaba polas rúas taciturnas co trafego de bébedos, mariñeiros con outras falas, gargalladas, tabernas e mulleres. Un lenzo de Arturo Souto. Así llo confesa por carta ao seu curmán Roxelio e engade que “este ambente cosmopolita que desacorda un pouco c´o meu ambente de até agora”. Mais, pola contra, aquelas sensacións estrañas e mesmo distantes coa urbe (“Eu en Vigo estou nun deserto”) influíron na súa creación segundo relata nunha sorte de visita ao futuro: “Y-eu paseiando sóio, débolle algo, e chegarei quizais a deberlle moito a todo iso”.

O poeta estudou Náutica entre 1919 e 1923 en Vigo. O seu enderezo era Paseo de Afonso nº15, baixo. Cada mañá, ó saír, situábase ante o meirande balcón da cidade co seu ir e vir da vida marítima como a descrita por Pessoa no citado poema. A axitación da lonxa, das pescantinas coas patelas, dos gatos da tasca, das gaivotas a chíar entre os brazos do vento ou as gamelas coruxeiras e navíos de pesca a vapor partindo mentres os cacos da Ribeira gallopan polo Barrio do Cura e as nais clarexan a roupa nas ladeiras do Castro tras bater nelas no lavadeiro da Barroca, onde o meu pai refrescou tantas veces as mans. Ei-la estampa fabril dunha urbe enraizada na tradición antropolóxica.

As Irmandades da Fala celebraron en 1921 a súa III asemblea no extinto Tamberlick. Con este motivo Manuel Antonio puido estreita-la man do Antón Villar Ponte ou dun Vicente Risco de quen sabía da súa caligrafía e anotacións literarias, como constata a interesante correspondencia. Daquel xuntoiro os nacionalistas reclamaron ó Concello de Vigo que ondease a bandeira galega na casa municipal polo día de Santiago pero a corporación refugou a petición. Pouco despois distribuíase unha folla voandeira asinada por Xavier Soto e Manoel Antonio recrimando aquela actitude.

O poeta marítimo aumentaría a produción lírica e a publicación desta en prensa nestes anos vigueses. A súa vivencia na urbe ficou como cicatriz nas letras impresas. Son anos de intensas lecturas. Pausadamente o autor asentaba unha proposta creativa singular, ligada á visión renovadora e ao ronsel das vangardas europeas. O creacionismo salgado do océano. O acceso os neoloxismos e tecnicismos como materia poética. A empatía entre o mar e o mariñeiro. En Manuel Antonio destaca tamén o coidado traballo de creación e edición.

A Academia Galega publicou até agora, en edición de Xosé Luís Axeitos, dous tomos (poesía e prosa) dos catro que compoñen a anunciada e prometida obra completa. Un proxecto do que non tódolos poetas galegos poden gabarse aínda que haxa tantos que o reclamen con obrigada razón (pensemos nunha edición con xeito da lírica de Aquilino Iglesia Alvariño que anunciara o antigo Conselleiro de Cultura en 2011 durante a homenaxe ao poeta de Abadín). En todo caso, dende estas liñas atrevémonos a solicitar unha homenaxe e unha lembranza ó Manuel Antonio, digamos cunha placa nese Paseo de Afonso nº 15 dende o cal albiscamos a terra deitada fronte ao mar. Sobre nós revoa unha oda marítima a Vigo.

Esta entrada foi publicada en Literatura galega e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.