O Consello de Galiza e Ferrín

Publicado en Faro de Vigo (8 de xaneiro de 2015)

Se a memoria nos é fiel, no remate da súa homenaxe no ano 2009, X. L. Méndez Ferrín afirmaba de si mesmo: “eu non son máis ca un que camiña entre vós”. Sentenza que nos lembra a outra empregada polo seu compañeiro de angueiras vitais e militantes, o Beiras, que parafrasea a de Eça de Queirós: “eu apenas são um cidadão da Póvoa de Varzim”.

Ambos, Ferrín e Beiras, teñen a disposición pública a súa produción intelectual e práctica social. Sexan máis da vosa simpatía. Sexan menos da vosa admiración. Velaí está a tarefa perante os ollos de quen queiran mirar. De aquén e alén murallas.

As declaracións que fan transportan outro peso que non temos calquera de nós. Chamémoslle a este peso “capital simbólico”. Porque tras das palabras acumúlanse moreas de anos de experiencia e traballo, de recoñecementos públicos e currículos vizosos.

Ferrín pasea polo Vigo das Camelias escarlatas. Crúzase no ir e vir de persoas que sosteñen o seu pasado e, que nun mosaico granítico, compoñen parte do noso pasado. Memoria comunal. Ó xeito dunha colmea camilojoseceliana, cada día mesturámonos con xente que teñen cadanseu relato da vida. Non os coñecemos. Hoxe, nesta crónica do Faro da Cultura deterémonos no Consello de Galiza e no día en que nomearon ó seu delegado na terra.

Castelao promoveu a constitución dunha sorte de Goberno no exilio (Consello de Galiza) coa mente posta na reinstauración da legalidade republicana trala queda do feixismo en Europa (España, Italia e a Alemaña nazi).  Sería o intre de desenvolve-lo Estatuto galego e conformar un poder autónomo. O mesmo modelo dos gobernos vasco e catalán.

Os aliados déronlle as costas á República. Atila mantívose no poder. Ante este golpe na esperanza, o Consello de Galiza, presidido por Castelao e despois por Alonso Ríos, quixo soste-la memoria e a loita democráticas. Aínda que as condicións fosen contrarias e o éxito do Consello fose cativo.

No Bos Aires de 1968 atopámonos cos Xogos Froraes do Idioma Galego, que tiñan de “manteendor” o escritor X. L. Méndez Ferrín. Alí mantivo unha xuntanza co Consello de Galiza e informounos das actividades clandestinas dos partidos antifeixistas, nomeadamente da UPG na cal militaba.

Na acta do Consello de Galiza do día 9 de setembro dese mesmo ano lemos: “Pondo fecho á xuntanza o señor Antón Alonso Ríos manifesta que na xuntanza precedente do Consello escoitou o informe da UPG apresentado polo irmán Fuentes e tomou coñecimento da propaganda de aición que propón dito partido, resolvéndose encarregar a Méndez Ferrín a constitución da delegación do Consello de Galiza na Terra”.

Tralos tirapuxas entre os galeguistas do interior co Consello de Galiza (pódense ler na correspondencia entre Piñeiro, Penzol e Castelao), agora os exiliados tomaban a UPG como organización afín. Ben é certo que xa en 1961 Carlos Velo e Luís Soto (despois militantes da UPG) formaban parte da delegación do Consello de Galiza en México, logo dunha primeira recepción negativa á proposta de Castelao en 1944. E non esquezamos tampouco ó Antón Moreda no traballo de reorganización do nacionalismo.

Que nós saibamos, Ferrín é a derradeira persoa que ostenta unha representación da legalidade republicana emanada do Consello de Galiza. Mais aínda hoxe precisamos unha investigación e estudo arredor desta institución do exilio galego para coñecermos mellor o relato común conformado pola vida de tantos anónimos. Anónimos que se cruzan no cotián das nosas rúas e avenidas, nas prazas e lugares coma Peniche.

Para bota-lo pecho, convidamos dende aquí a Ferrín a que nos relate profusamente aquela viaxe a Bos Aires e o seu encontro co Consello de Galiza. Como se recuperase esa memoria do fondo dos espellos.

 

Xurxo Martínez González

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.