Discurso na homenaxe da U. de Vigo a Luís Soto

Los ojos son azules como semi-velados
Ojos de mar gallego reflejado y distante
En la gruta de párpado está agazapados
Con la calma enigmática de los interrogantes.

La voz es blanda, dulce, lejana e insinuante
Un perfil aniñado sobre un gesto rotundo
Y la flava melena que le enmarca el semblante
Es la de un paje rubio de Felipe Segundo.

En el alma la fe, la ilusión y un fervor
De fidalgo antiguo que cultiva el honor
Y lo guarda en el pecho con extraña codicia.

Gusta de los amores de un día, ¡al fin poeta!
Y arde en su corazón como llama secreta
Un amor inefable por la madre Galicia.

 

Velaquí os versos que o Eduardo Blanco Amor, tan en voga nestes días pola estrea d´A esmorga, lle dedicou a Luís Soto en 1921 co gallo do seu retorno á patria ou matria (como vostedes prefiran). O Eduardo de Auria e o Luís de Vilanova dos Infantes trabaron amizade en Bos Aires cando os anos duros da emigración, esa praga bíblica que padece este pobo en eterno éxodo que parece non ter fin. Foron anos de loita e traballo, de toma de conciencia política, de tomarlle o pulso á vida, de facerse home cando aínda era un rapaz. Soto coñeceu a pelexa dos obreiros arxentinos na folga xeral de 1919, defendeu dende un pequecho xornal que dirixía (El Eco de Huinca Renancó) a xornada de oito horas laborais e foi detido por primeira vez aínda que axiña ceibado seguramente pola súa precoz idade; compartiu parladoiro con intelectuais e paisanos nosos no café Armonía localizado na longa Avenida de Maio da capital arxentina, no tempo en Carlos Gardel iniciada a súa carreira musical, Borges regresaba tralo periplo familiar europeo e Vicente Huidobro iniciaba a estética das vangardas latinoamericanas, e nas universidades se vivía unha revolución cultural.

A emigración fincou na pel, feriu e cicatrizou o corpo de Galiza, marcou a ferro quente a nosa condición de pobo en continua marcha incluso cando as condicións eran miserábeis e escravas. Resistiron e saíron adiante. Porque na emigración se traballou de todo, de absolutamente todo, pero con intachábel eficacia e mestría e por iso o valor dos galegos merece unha alta estima, respecto e admiración no mundo, como bramara Ramón Suárez Picallo, esoutro amigo do Luís Soto nos tempos de Bos Aires e posteriormente na común loita pola liberdade. Nunca daremos pagado o esforzo e a heroicidade dos nosos devanceiros na emigración que se asociaron creando poderosas institucións para que ninguén tivese que sufrir a fame, a escravitude e a pobreza doutrora. Tampouco a ignorancia e o analfabetismo ao que se vían destinados xa que os galegos crearon escolas e talleres para formar e educar os que non tiveran posibilidades. Porque a educación axuda a sermos cultos, e sendo cultos poderemos sermos libres, como José Martí escribira na flor espumosa de Cuba.

Pero o Luís Soto non saboreou o mel do triunfo, non retornou con chapeu branco, camisa de liño, un fular ao aire e unha maleta chea de agasallos e recoñecemento social. Retornou como o pai do Migueliño do conto do Castelao: sen apenas catro patacóns nos petos e un fardel co indispensable. Pero viña cheo de ideas que son o zume da existencia, ideas sacadas da loita sindical, da loita política, da loita por afirmar a esperanza do futuro e a necesaria nova sociedade, porque cal futuro pode agradar a unha comunidade onde prevalece a fame sobre o reparto de comida, a miseria sobre a igualdade social, a pobreza sobre a vida digna? Acaso hai persoas condenadas dende que nacen a morrer de inanición nas máis adversas e violentas circusntancias?  Este é o futuro da humanidade?

Baixo a sombra destas preguntas, que atravesan a existencia de calquera persoa digna de ser persoa, lábrase o carácter granítico de Luís Soto, da incólume presenza das ideas transformadoras ou revolucionarias que adquiriu dende mozo, cando lía a Rosseau, Marx ou Curros Enríquez.

Ao regresar á terra traballou e estudou. Quixo formarse profesionalmente como mestre. Unha escolla marcada pola figura da súa nai, tamén mestra e a quen admiraba até límites non pronunciábeis. Pero a escolla tamén ten algo de compromiso coa sociedade pois Luís Soto pretendía dalgún xeito co seu oficio axudar os próximos, fomentar ideas de igualdade, liberdade e fraternidade, axudar a que as crianzas puidense ter coñecementos para combater os abusos das clases poderosas, que se servían nos iletrados, dos que nin sabían ler nin escribir. Crianzas destinadas a seren man de obra. Crianzas destinadas a goberanren esa man de obra. Contra isto revélase Luís Soto.

O noso protagonista, o bolxevique ourensán como o alcumou un poeta dos nosos días, vivira na escola de Celanova unha anécdota que lembraba e deixou escrita. Ao rematar os cursos nos Escolapios, tras anos estudando polos libros doutros compañeiros ou camiñando dende Vilanova até Celanova todas as mañás (incluídas as do frío inverno ourensán), os cregos foron falar cos rapaces para interesarse polas súas opcións universitarias. Ningún se achegou a Soto porque o seu destino era outro. E disque, conta el, un grupo de obreiros saía dunha taberna en dirección á obra e rodearon ao rapaz ensimismado nas portas do mosteiro, sentíndose desprazado e solitario mais agora recollido e identificado cos que o rodeaban, coas súas roupas humildes, coas súas mans titánicas e os rostros cansos dos que traballan de estrela a estrela.

Así fórmase Luís Soto, cos golpes atinados ou desatinados da vida. Así formámonos as persoas que non somos alleas o que nos rodea, que non vivimos á marxe dos sucesos actuais aínda que estean a milleiros de quilómetros e ás veces non sintamos máis que borboriños ao lonxe. Pero Soto sabía que na conciencia, na toma de posición, na decisión de particioar no combate colectivo os lonxanos borboriños son palabras de orde na súa conduta diaria.

Tras aprobar as oposicións a mestre foi destinado a Buscalque, no concello de Lobios. Non procuredes nos mapas este lugar porque foi asulagado polo encoro de Lindoso. Pero Soto, tras unha penosa viaxe até alí (imaxinades as comunicacións naquel tempo) atopou un barqueiro que o cruzou polo río Limia e non lle quixo cobrar. Porque o Luís Soto era o mestre e este oficio tiña unha poderosa significación. Durante este período Soto impartía aulas dentro dunha escola (con todo tipo de carencias e eliminada a simboloxía relixiosa por decisión propia) ou ao aire libre na propia natureza. Impartía aulas en horario nocturno, aprendíalles de balde aos adultos. A vocación da docencia para educar e formar ás persoas, para facelas capaces e válidas ante quen se aproveitaban da ignorancia. Este perfil profesional manteríao Soto nos anos en que exerceu como mestre.

El soubo combinar o ensino coa militancia sindical e política. Por iso, cando os anos felices de esperanza da II República, se afiliou á ATEO e militou activamente no Partido Comunista de España, mesmo fundándoo en Ourense ao carón do seu amigo, posteriormente morto na Guerra, o veterinario Benigno Álvarez. A súa figura aparecía decote como a de dirixente e incansábel activista. A implicación e traballo político-sindical aumentou tras o seu traslado dende Buscalque a Ramirás. Escribiría na prensa, como no popular xornal La República de Jacinto Santiago (onde compartía espazo con Otero Pedrayo, Vicente Risco, Roberto Blanco Torres ou Eduardo Villot Canal).

Dende entón, dende este tempo, Luís Soto será un nome de constante presenza pública até a súa morte, dende as múltiples facetas da súa poliédrica figura: dende o mundo sindical (chegou a formar parte da dirección da importante Federación Española de Traballadores do Ensino da UXT durante a guerra civil; en América na Internacional dos Traballadores do Ensino e participaría na fundación da Federación Galega de Traballadores do Ensino, da cal tamén foi dirixente); dende o mundo asociativo (creando o Fogar Galego de México en contraposición ao Centro Galego controlada por adeptos ao feixismo; ou fundando anos despois o destaado Padroado da Cultura Galega); dende o mundo cultural (onde sobresae sobre todo a súa dirección e empurre incansábel da revista Vieiros que soubo darlle novos formato estético, que mesturou nas súas páxinas as colaboracións dos antigos galeguistas cos novos rapaces, onde escribiron Ramón Lorenzo, Neira Vilas, Reimundo Patiño, Ferrín ou Manuel María); dende o mundo xornalístico, coa presenza da súa sinatura en artigos de opinión ou formando parte da redacción de distintas cabeceiras da prensa do exilio como España Popular ou Saudade; ou de prensa política como o Galicia. Órgano da Alianza Nazonal-Galega, Loita ou o primeiro xornal marxista-leninista escrito integramente na nosa lingua, Boletín Galego de Información.

Soto sentiu a friaxe na caluga cando a guerra. Loitou dende o primeiro día formando parte do Comité de Defensa da República, en Mondariz (o último destino como mestre). Vén loitar a Vigo contra as tropas sublevadas e, tras a caída das últimas barricadas en Lavadores, foxe polo monte até chegar a casa e agocharse. Grazas á axuda de amigos e familiares. Un crego, Francisco Alfaya, agóchao na reitoral. Porque Soto era un comunista e anticlerical pero unha vida humana; e porque Francisco Alfaya era un relixioso que sabía o valor da vida humana. Non hai rivalidades cando a sen razón, a barbarie e o feixismo se impoñen. Tras diversas situacións, Soto consegue fuxir a Vilanova, agocharse alí un tempo á espera de que se tranquilizase a situación, e posteriormente fuxir por Portugal e alí embarcar a Francia. Precisamente en Lisboa un antigo alumno da escola de Mondariz, afiliado a Falanxe Española, encóntrao. Púidoo denuncialo e envialo a unha morte segura (Soto estaba en busca e captura por rebelión). Non o fixo porque era o mestre que lle aprendera. De novo, o valor e a importancia da figura do mestre.

En París puido quedarse a tarefas organizativas do exilio pero pediu volver a España para combater dende o lado republicano. En Valencia encontrarase con Castelao, con quen compartira campaña a prol do Estatuto de Galiza. Este reencontro iniciaría unha duradeira relación de amizade e empatía política. Xuntos, Castelao e Luís Soto procuraron a unidade das forzas republicanas baixo parámetros de esquerda e de autonomismo. Así naceu a Solidariedade Galega Antifeixista, da cal Soto sería secretario xeral.

Pero Soto tamén dirixía Nueva Galicia, onde colabora Ramón Cabanillas ou o propio Castelao. O xornal que servía de apoio e difusión de Enrique Líster, comandante do Exército Republicano e xefe do heroico e prestixioso V Rexemento. E debemos lembrar a Líster, recuperalo para a nosa memoria, invocalo cando ás veces se deita sobre os galegos e galegas esa canallada, con ademán ofensivo, de citar a orixe galega de Franco. Pois ben, tamén deberemos lembrarlles a estas persoas que Líster, un dos máis (senón é o máximo) dirixente do Exército Popular da República era tamén galego e compartiu espazo, loita e esperanza con Luís Soto e co principial dirixente do nacionalismo galego, o guieiro inmorrente, o rianxeiro Daniel Castelao.

Castelao e Soto participaron na campaña internacional a prol da República en Estados Unidos e Cuba. Moitos meses de mitins, conferencias e conversas cómplices. Anos de férrea aliaxe, de unión de aceiro que se mantivo no tempo até a morte, intercambiando influencias de nacionalismo e de esquerda. Porque os dous recibiron xuntos a nova da derrota na guerra civil e os dous tiveron que procurar un lugar lugar e forma de vida no exilio. Soto axudou a Castelao cando este quixo marchar de Estados Unidos a México pero finalmente desembarcaría en Bos Aires.

En México Luís Soto crea a Comisión Galega do Partido Comunista de España, o xermolo do actual Partido Comunista de Galicia. Porque el xa era un convencido nacionalista, tanto como convencido comunista. E a liña estratéxicas que adoptaría sempre foi a unidade das forzas antifeixistas que asuman o dereito a decidir do pobo galego. Todo o seu traballo no exilio tivo esta teima e conseguiu éxitos pero logo tamén coñeceu o rostro acedo da derrota, da frustración e do cansanzo. Pero seguiu adiante, coas ideas graníticas, co pulso da vida, cos azos tomados dos amigos, familia e da conciencia dun home que loitaba polo futuro das seguintes xeracións.

Luís Soto foi expulsado do Partido Comunista en 1950. Regresaría anos despois como un xesto anecdótico porque a súa nova dedicación era outra: fundar unha organización de esquerda nacionalista. Así foi como participa dende o inicio na fundación da Unión do Pobo Galego (UPG). El era, de entre os fundadores, a persoa cun currículo máis notorio, cunha experiencia máis contrastada, cun coñecemento máis amplo e, porén, non adoita ser citado nin aludido nos nosos días. Unha inxustiza contra a que protestamos e denunciamos. Pero por que sucede isto cun home que participa dende o exilio coa edición e impresión dos dous primeiros número do Terra e Tempo (voceiro da UPG), na organización do xantar de despedida a Celso Emilio Ferreiro celebrado precisamente en Ourense e que supuxo un acto de contestación ás obras do encoro de Castrelo de Miño e que rematou coa xente en pé cantando o himno galego logo dun afervoado discurso de Ramón Otero Pedrayo?

O homenaxeado de hoxe seguiu a súa conciencia. Eduardo Galeano, o pensador uruguaio de falar pausado e penetrábeis palabras na nosa mente coma raios de luz, sostén que a vida só paga a pena vivila cando se segue a conciencia e as ideas propias, cando non nos dobregamos ao que nos ditan ou obrigan os de arriba. Soto mantívose do lado dos expulsados da UPG no conflito de 1976 que tivo como escusa a actitude do principal dirixente da UPG durante os anos 70 do tardofranquismo, Xosé González (hoxe aquí presentre entre nós). En realidade aa escusa soterrábase as aspiracións doutros dirixentes que pretendían modificar pautas, estruturas e deicisións tácticas adoptadas pola organización nacionalista, como eran por exemplo a postura da unidade da esquerda galega no chamado Consello de Forzas Políticas Galegas, a alternativa propia xurdida dende a terra no proceso de restauración borbónica (ou que se adoita chamar como transición que hoxe observamos inacabada e imperfecta).

Luís Soto estivo aí, ao carón dos que loitan pola unidade, contra o feixismo, contra a barbarie e a prol das clases humildes, da alianza internacionalista e da liberdade absoluta desta terra nosa. Por iso Soto está na fundación e será o presidente do primeiro partido arredista e comunista, o Partido Galego do Proletariado.

Morreu en 1981 mantendo intacta a firmeza na esperanza dun outro mundo posíbel. Alí estaba poucos meses antes apoiando a candidatura de Galicia Ceibe con Ferrín e Carmiña Graña. Alí estaba compartindo conversas cos seus camaradas de partido pero tamén cos camaradas da cultura galega que ían dende Ramón Otero Pedrayo ao Eduardo de Auria. Así se tece a historia deste bo home que quixo soñar até o derradeiro segundo da súa vida. Porque non quixo desertar dos que axudan por construír un futuro digno, de liberdade, de fraternidade, de igualdade. Sempre a mesma proa. Sempre o mesmo horizonte. Sempre ese “amor inefable por la madre Galicia”. Sempre a esperanza sobre a cal dixo Octavio Paz: “Quen mirou a esperanza non a esquece. Búscaa baixo os ceos e entre todas as persoas. E soña que un día va atopala de novo, non sabe onde, acaso entre os seus. En cada eprsoa latexa a posibilidade de ser ou, máis exactamente, de volver ser outra persoa”. E con esa esperanza morreu, con esa esperanza se debe educar os nosos cativos,  con esa esperannza coa que deben traballar os nosos metres, con esa esperanza hoxe nós albiscamos o futuro.

Xurxo Martínez González

 

 

Esta entrada foi publicada en Historia do nacionalismo e etiquetada , , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.