Faro de Vigo ante a fame de 1853

Publicado en Faro de Vigo (30 de outubro de 2014)

Veño de ler O sitio de Leningrado (1941-1944), de Michael Jones. Unha obra que narra o cerco de 872 días nos cales Hitler pretendía matar por inanición e non a invasión militar. En situacións tan tráxicas a sociedade expresa o seu canto máis ruín e a máis extraordinaria solidariedade. Non vén ao caso relatar aquí algúns destes episodios que arrepiaban até os propios soldados nazis.

A fame, como “método científico”, era a principal arma da whermacht para acabar coa actual San Petersburgo. Porque quen non ten que levar á boca, morre. Os nosos devanceiros relatan de viva voz os “anos da fame” logo da guerra española. Crónicas que doen nos ósos da alma. Pero resúltanos difícil visualizar a situación da Galiza de metade do XIX na cal as aldeas se despoboaban, os homes marchaban como escravos a América e as mulleres asaltaban carros de comida para alimentar a súa familia. Pero así nolo testemuñan o poema de Xoán Manuel Pintos “Deitouse a fame…” ou o nome popular coa se introduciu no maxín colectivo: a fame irlandesa.

Ao deputado ourensán, Urbano Feijoo Sotomayor, ocorréuselle que unha medida óptima para atallar o (seica) desequilibrio estrutural de Galiza era promover unha lei pola cal os galegos saísen de maneira masiva cara á emigración. As condicións reais nas cales marchaban e traballaban os emigrantes galegos eran miserentas e inhumanas. A fin de contas, a Feijoo resultáballe un bo negocio xa que se dedicaba ao “transporte de traballadores” a América e tanto lle tiña a dor dos seus compatriotas.

Outro deputado galego, orixinario de Castropol, Ramón Pasarón Lastra, publicaría un interesante traballo titulado Informe sobre el estado en que halló a los colonos pobres de Galicia el hambre que los afligió durante el año 1853. Neste ofrecía outras medidas económicas e sociais (como a creación da caixas de crédito ou alixeirar de impostos ás camadas populares) para combater a mortal situación. Neste informe atopamos pasaxes que describen a vida daqueles nosos devanceiros: doenzas, friaxe, miseria e desnutrición.

Faro de Vigo acabara de nacer da man de José María Posada e do seu curmán José Carvajal Pereira. Ambos eran firmes defensores do pobo galego. Eles, preocupados pola dramática emigración, redactaron un valente editorial no cal denuncian o trato coma “escravos” dos galegos na illa de Cuba e culpa ao Goberno conservador da súa impericia cando non o seu lucro ante a desidia con que contemplaba a fame galega. Dende Vigo, onde partían algúns dos barcos enchidos de emigrantes, alzouse a voz da denuncia por, primeiramente, simple sentimento humano.

Leamos algúns anacos: “La falta de comunicaciones, los estensos baldíos, la triste condición del marinero, la nulidad del comercio español, los onerosos tributos que pesan sobre la tierra y sus producciones, sobre la industria manufacturera, mercantil y naviera, son las causas primordiales de esta consunción que está esperimentando el cuerpo social, desta miseria encarnada ya en Galicia”.

Aínda engade máis: “Tenemos fundadas sospechas para atrevernos a asegurar que se piensa más en sustituir la falta de la raza negra con los hijos de la desdichada Galicia en la Isla de Cuba, que satisfacer á estos el trabajo duro y penoso á que se van á dedicar. […]. Condiciones á nuestro modo de ver más duras que las que se imponen á los chinos. […] Por que razón mensualmente se paga al chino y al negro 20 duros y á estos pobres hijos de Galicia sólo cinco?”

En calquera dos casos citados (sitio de Leningrado, a posguerra ou 1853) o problema non foi a falta de alimentos senón a inxusta distribución destes. Tristemente, como hoxe en día. A sociedade parece non comprender o que vale unha faragulla de pan até que se pasa fame.

 

Xurxo Martínez González

Esta entrada foi publicada en Cultura galega e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.