Crónica de Don Roberto. O avogado de 1936

Publicado en Faro de Vigo (6 de marzo de 2014)

Federico García Lorca chegaba a Vigo o día 6 de maio de 1932. O Café Derby e Casa Pepe foron dous dos estabelecementos onde Lorca compartiría animada conversa. Encol das mesas de mármore o poeta granadino tomaba nota de palabras galegas para crear uns fermosos textos na nosa lingua. Como o “Madrigal á cibdá de Santiago” que fixo célebre Luar na Lubre sob o título “Chove en Santiago”. Un exemplo de valoración do galego por parte dun foráneo que simpatizaba coa nosa cultura. Non é menos certo que os esquecidos Eduardo Blanco Amor e Ernesto Guerra da Cal axudaron a Lorca na redacción. É bo que os lembremos.

No apeadeiro agardábano, entre outros, Manuel Gómez Román, Eugenio Fadrique e un avogado moañés de nome Roberto González Pastoriza, membro dirixente da Agrupación Viguesa ao Servizo da República. A el ímoslle dedicar as vindeiras liñas.

Pastoriza era coñecido como don Roberto. Un trato de respecto gañado no bufete de Adolfo Gregorio Espino, na asesoría xurídica da caixa de aforros ou como letrado externo do concello. El é un dos promotores e fundadores do actual Colexio de Avogados de Vigo. Todo antes de 1936 que foi unha cesura na vida.

Don Roberto tiña un compromiso republicano e galego. Por iso militou no Partido Galeguista e defendeu a Fronte Popular (FP). Naquel tempo ofreceu os seus servizos profesionais para defender os demócratas denunciados en 1934 (logo da revolución de outubro) e en 1936 (logo do golpe de estado). Simpatizase ou non coas súas ideas. Era unha cuestión de xustiza e irmandade universal.

Aquí gustaríanos facer unha pausa. Don Roberto puxo o seu nome e apelidos no papel oficial e na esfera pública para asumir unha loita derrotada dende o inicio: demostrar a inocencia do alcalde, dous deputados, dous concelleiros e o histórico sindicalista Enrique H. Botana. Todos adeptos á causa republicana e á FP. Quixo combater a desesperanza, acompañar até o derradeiro alento os condenados, exercer a solidariedade contra o asalto á razón. O 27 de agosto eran fusilados no camposanto de Pereiró.

O xesto de don Roberto, como o de tantos outros, merecerá por sempre o noso recoñecemento. O xesto que o comprometía ante a ditadura pero tamén ante a dignidade de quen, lonxe de acovardarse cos insultos e ameazas dos falanxistas, quixo exercer con ética a avogacía. Porén non seu librou da represión, malia os contactos de amigos conservadores que si conseguiron evitar o seu pasamento.

Tras a guerra refixo a vida, non sen dificultades e grazas á xenerosidade de persoas como Álvaro Gil Varela e Xosé Fernández López, empresarios galeguistas. Con todo, o franquismo non impediu que don Roberto tivese compromiso e termase das ideas represaliadas.

Un contramestre do transatlántico Aragón servía de “anduriña” entre el e o Castelao exiliado. Os bares vigueses presenciaron as parolas con Fernández del Riego ou Darío Álvarez Blázquez. En 1947 detivérono acusado de pertencer á Unión de Intelectuais Libres e de colaborar co Socorro Rojo Internacional. Acusación sobresida en 1965 pero acusación que o situaba de novo nas camarillas sociais de Vigo como un desafecto ao réxime.

Don Roberto colaborou coa prensa local nas cabeceiras El Pueblo Gallego e Faro de Vigo. Tiña sección propia no Boletín da Cámara de Comercio. As incurias verquidas sobre el non ensombreceron a súa tarefa e a gratitude por parte dos profesionais.

Moita xente compartiu con el as horas da vida e non sabían quen era. Porque don Roberto acostumaba ser calado, discreto e dilixente. El estaba no seu sitio, no de sempre e non precisaba presumir para a súa estima. Sinxelamente, levaba consigo a súa historia como anaco dunha historia compartida. A que hoxe pretendemos traer a colación.

 

Xurxo Martínez González

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar e etiquetada , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.