Un anaco do perfil literario de Xaime Quintanilla

Publicado en Letra en obras

anuel F. Vieites, na introdución ao Alén de Xaime Quintanilla, afirma: “seguen existindo moitos prexuízos; os dos que pensan que o seu socialismo estaba demasiado abeirado ao galeguismo, e os que semellan pensar que ao cabo non era máis que outro ‘españolista’”.

Non podiamos estar máis de acordo con esta sentenza. Así quedan no caixón enferruxado obras e autores de merecido recoñecemento. Un xeito de fraccionar a historia literaria. Dividir para ser vencidos. Unha nación que usa un monóculo no canto de lentes remata por desperdiciar moita lectura. E a literatura merece ser lida con exquisita atención.

O médico Xaime Quintanilla foi socialista e alcalde de Ferrol. Mais tamén fundador das Irmandades da Fala, activo nacionalista ao longo da súa traxectoria levando na fronte e no bico a defensa do Estatuto dende os primeiros pasos da República.

Con certeza, fronte á oposición de camaradas que non comprendían que Galiza debe exercer unha política propia para atallar de mellor xeito a realidade social e económica.  A Quintanilla non lle restou credibilidade entre o proletariado ferrolán a bandeira nacionalista. Foi o seu alcalde e non renunciou os principios. Como debera ser e non é deber.

Impulsou numerosas (e destacadas) iniciativas culturais a prol da emancipación do campo cultural galego, sobre todo no teatro. A obra dramática de Quintanilla obriga a unha reflexión pousada non do texto en si senón do impacto que provocou no canon estético do rexionalismo. No citado Alén os actores son estranxeiros (ingleses, alemáns e irlandeses), que residen en Nova York e levan unha vida urbana moderna. Nada que garde relación cos personaxes de aldea, lerias de caciques e vida vilega. Pois ese enfoque de Quintanilla é razón suficiente para ser atendido como un innovador dentro da historia do teatro galego.

Volvo ao profesor Vieites para poñer cabo: “Quitanilla debería ser considerado tamén como un dos autores más importantes, renovadores e visionarios da literatura dramática galega, e as súas achegas supoñen a primeira tentativa de crear unha literatura dramática verdadeiramente nacional”.

Esta entrada foi publicada en Literatura galega e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.