A IMPRENTA DE JUAN COMPAÑEL RIVAS EN VIGO. UNHA CORRECCIÓN HISTÓRICA

Publicado en Faro de Vigo (6.9.2012)

A rúa Real foi a avenida central que cruzaba a cidade amurallada e poñía en contacto directo o Areal, lugar de negocios dos fomentadores cataláns, co Berbés, propiedade dos mariñeiros vigueses.

Pasear polo seu empedrado, sentir o sangue da historia baixo os pés, é retrotraernos. Imaxinemos, por caso, o ano 1863 e o obradoiro de Juan Compañel.

Este impresor, nado en Compostela en 1829, formárase nos talleres familiares (Vda. e Hijos de Compañel) e en Madrid, onde tivo imprenta propia que, entre outras publicacións, editou El Eco de la Clase Obrera, un dos primeiros xornais marxistas.

Na capital do estado tratara a Eduardo e Alejandro Chao e, ao chegar a Vigo a finais de 1855, foi acollido polo pai destes, o boticario José Chao, quen o introduce nos circuítos do progresismo local. Cantas conspiracións se deron na farmacia que facía esquina entre Sombreireiros e a Praza da Constitución!

Compañel foi chamado para encargarse da imprenta de La Oliva (1856-57), propiedade de José Ramón Fernández Domínguez, á sazón director do xornal e xenro de José Chao.

O estabelecemento, situado no nº 14 da rúa Real, pasou a denominarse “Imprenta de D. J. Compañel” a partir do Nadal de 1856, aínda que tardaría tres anos para que fose legalmente do seu dominio.

Aquel 1863 foi inesquecíbel para o impresor. O 10 de maio casa con Emilia Chao Fernández. O día seguinte acode á fundación do “Banco de Vigo”. Uns días despois, Rosalía rubricaba a dedicatoria dos Cantares gallegos.

A rúa Real lembra este fito simbólico do Rexurdimento cunha placa pendurada na fachada do nº 12. Cantas veces, ao subir por alí, nos temos detido a fitar para ela.

Sospeitamos (xa antes o fixera Lalo Vázquez) que aquel enderezo era errado porque en 1863 a imprenta estaba ou ben no nº 14 ou no nº 21, aínda que ambos son o mesmo lugar.

Se consultamos calquera exemplar de La Oliva ou d´El Miño entre os anos 1856-1862, atopamos que estes xornais saíran dos talleres de Compañel no nº 14. Se collemos El Miño a partir de 1864 até 1865, atopamos o enderezo no nº 21. Tristemente, non temos ningún número correspondente ao 1863 e das obras publicadas por Compañel naquel ano, ningunha indica o enderezo.

Logo, por que a colocaron no 12? Porque se tomou a dirección que tivo a imprenta a partir de 1866. Isto é: Compañel tivo o obradoiro no nº 12 da rúa Real pero tres anos despois da publicación de Cantares.

Despexado este asunto, como explicamos que o 14 e o 21 fan referencia ao mesmo lugar? Explícase pola aplicación ao longo de 1863 da Real orde do 14 de febreiro de 1860 que rexía a numeración das rúas.

Nela indícase que, tendo como referencia a cámara municipal, a numeración par correspondía ao lado dereito da rúa e a impar ao lado esquerdo. O antigo concello vigués inaugurouse en 1862 e, de aí, a aplicación tardía da norma.

Velaí que o 14 fose o enderezo anterior a esta orde e o 21 a nova indicación. E, por ser impar, é obrigado que a imprenta estea do lado esquerdo. Pero, cal é entón a casa onde traballou Compañel?

A investigación, ás veces, é grata e a recompensa apareceu tras varias semanas. No arquivo municipal de Vigo atopamos un expediente de 1865 para unha reforma no nº 19 da rúa Real. Existe un plano da fachada que coincide exacto cunha casa hoxe en pé. Polo tanto, parece obvio que, coa correcta numeración existente naquela altura, a imprenta de Compañel é a do lado.

Curiosamente hoxe segue sendo o mesmo nº 21. Cómpre logo unha “recolocación” da placa e que mellor ocasión que o vindeiro ano, ao conmemorarmos os 150 anos da publicación dos Cantares de Rosalía en Vigo, capital do Rexurdimento.

Xurxo Martínez González

Esta entrada foi publicada en Literatura galega, Rexurdimento e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.