Discurso (aproximado) na entrega do Premio Leiras Pulpeiro

Debo comezar por agradecer á Deputación de Lugo e ao Concello de Mondoñedo a convocatoria deste certame, así como o apoio ás actividades de difusión deste médico dos pobres que mantivo unha actitude exemplar ante a vida.

Agradecer o xuízo que fixo o xurado destes versos.

Por último, e non sen menor importancia, parabenizar as outras persoas premiadas.

“Nenia a Manuel Leiras Pulpeiro” é unha homenaxe no seu título a Aquilino Iglesia Alvariño, poeta mesturador do culto co popular, o alquimista das verbas. As “Nenias” son un libro internacional que vai de Holderline ou Petöfi até Ovidio e Castelao. Recoñézome un fregués da súa poesía, a influencia na temática do existencialismo, o gusto polo barroquismo lexical e o gran poder evocativo das palabras.

Mondoñedo é todo unha evocación, un xogo de espellos que reflicte literatura, entre as outas montañas, cunquiña deleitosa que dixo Leiras Pulpeiro, matriz pegada á terra, lugar telúrico onde emerxe a cultura galega. Vir até aquí tamén me trae a lembranza da paixón do Mariscal Pardo de Cela, as lembras dos irmáns Villar Ponte (fundadores das Irmandades da Fala) ou o recordo da palabra sabia, da afouteza do seu ser rebelde e galeguista, do doutrinar manso na nación de Francisco Fernández del Riego.

A estas terras da Mariña cantou Leiras Pulpeiro. E este “Nenia” son, en parte, homenaxe tamén á Mariña, dende Foz até Riotorto. Son poemas cun mesmo fío, que son as fases vitais da vida de Leiras, vida dun verdadeiro demócrata, é dicir: dun republicnao de sentir galeguista. E que necesario manter aceso os principios da liberdade, igualdade e fraternidade, a súa práctica cotiá, a súa acción xenerosa.

Deste xeito, esta “Nenia” resulta unha cantiga ás terras de Miranda, terras onde reside inquebrantábel a verba abril e a eterna primavera.

Non teño dúbida que Mondoñedo é unha das capitais culturais de Galiza, un lugar cun poderoso poder de convocatoria literaria, musical ou histórica. Ás veces lígoa con Celanova, terra de gran fertilidade intelectual, e acabo atopando o universalimo das ideas de Curros coas de Leiras ou tamén coas doutro homenaxeado este ano como é Francisco Añón. Ideas graníticas neste antergo país románico que se debreuza cara a un futuro noso.

Dixen.

Esta entrada foi publicada en Literatura galega e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.