A indignación chámase Roi Xordo

Roi Xordo visto por Luís Seoane

Roi Xordo, eis o nome da indignación galega. Eis a chamada a termos as orellas guichas. Eis a reclamación de exercemos como cidadanía
para esixir dous puntos fundamentais: dilixencia na protección do patrimonio e transparencia informativa.

Podemos pedir máis explicacións: limitación nos efectivos, redución dos integrantes das brigadas, desmantelamento dos postos de vixilancia, tardanza na activación das medidas, incoordinación, falta de comparecencias dos responsábeis políticos,  opacidade nos datos… Pero pedimos dous: cumprimento efectivo das leis de protección do patrimonio e transparencia informativa.

Roi Xordo, eis o nome da rebeldía baixo medieval, a Fusquenlla. Eis o petar na conciencia para derrubar a ignominia de quen se cren amos e señores desta terra. Eis a alerta para a activación da autoorganización, unha vez máis, do pobo. Non renunciemos ao noso
protagonismo, non renunciemos ao noso poder, non renunciemos a sermos suxeitos activos con dereitos e deberes. Non escorreguemos o vulto nin permitamos que continúe esta farsa.

Estamos fartos, fartos! Fartos dunha pandilla de filisteos que lles importa un carallo esta terra e a súa xente. Unha agrupación de ultras que teñen como primeiro principio ético o beneficio propio e como segundo, o desleixo. Interésalles unha merda onde fora parar o
Códice Calixtino, que ardan as Fragas do Eume, que se especule co litoral ou cos montes; fan gala dunha soberbia inaudita con declaracións vacuas que denigran a quen disente tratando de desprestixiar a opinión contraria con demagoxia, mentiras e trapalladas como pasa coa lingua galega; trapichean coas caixas, coas empresas, cos fondos públicos (IGAPE) e co futuro desta comunidade á que odian fielmente, ódiana cunha violencia inaudita; atemorizan á sociedade botando cálculos para privatizar a sanidade e a educación cando non aparecen facendo de abandeirados da reforma laboral; fan e
desfán como lles peta porque comprenden a maioría absoluta como unha tiranía, unha ditadura, un poder feudal como o de Nuno Freire de Andrade, o Mao. Eis o alcume de Feijoo o Terríbel.

Non tardarán en poñer o peteiro a ferver con palabras como democracia, maioría silenciosa e outras gaiteiradas. Pero xa non tragamos. Xa non cremos a manipulación dos medios públicos que unha vez máis quedaron en ridículo ocultando o lume ou ao non saberen nin sumar o número de persoas que había na folga xeral. Xa non cremos no argumento do vitimismo da crise que semella unha carta en branco para actuar como lles praza desmantelando aquilo que aínda temos: o sector público. Eo, aquí hai xente! Aquí estamos os que sufrimos a crise! Hai alguén aí?

Participemos nas convocatorias abertas, plurais e coa bandeira de defender un futuro digno. Reclamemos que cumpran co regulado no actual estatuto (non pedimos por hoxe máis!) e que informen con veracidade. Pedimos o que simplemente tiñan que darnos. Acabaremos, tristemente, reivindicando como virtude aquilo que é unha obriga.

Atendede, escoitade ben: Roi Xordo chama por todos nós.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.