Centos de roseiras de rosas roxas para Leiras Pulpeiro

Naceu no ano en que unha revolución favoreceu o retorno ao poder do xeneral Espartero, a figura máis senlleira do progresismo español no século XIX. Tan importante foi que lle ofreceron a coroa de España denantes de se proclamar a Primeira República (1873). Alcumárono como o Washington español.

No fondo da cunca do val de Mondoñedo naceu, viviu e exerceu de médico este humanista de longas barbas como avenidas da cidade. Foi un camarada do xénero humano, servindo de xeito especial os humildes. Foi republicano e federal continuando a tradición do progresismo lugués que, con certeza, fora adepta ao sinalado Espartero.
Leiras Pulpeiro merece a nosa atención, neste seu centenario da morte, por unha dupla cuestión: a ideolóxica e a literaria.
Foi republicano federal e anticlerical. Había que ter coraxe para se enfrontar á curia mindoniense. Non houbo quen o dobregase. E participou das iniciativas políticas para acadar un estado federal que respectase ás nacións en ebulición e que fose xusto, fraternal e igualitario. A súa rexa actitude, a xenerosidade e bondade con que tratou os pobres supuxo unha afronta ós segmentos máis conservadores mais, pola contra, gañou o respecto e admiración xeral do pobo. Isto só o conseguen os grandes homes e mulleres da patria, aqueles que se erguen por riba da multitude que os sostén.
Foi o poeta da Mariña e Noriega Varela da montaña, segundo disección de Aquilino Iglesia Alvariño nun elo de discípulos (Noriega de Leiras e Aquilino de Noriega). Esta tríade gustaba da recolleita do  léxico vivo e enxebre desa bisbarra que tantos escritores deu á literatura galega. Mais tamén foi poeta anticlerical e patriótico que ben poderíamos engarzar na temática con Manuel Curros Enríquez. Será esaxerado, será, pero Leiras é o Curros de Mondoñedo.
Porén é inxustamente esquecido por razóns que inválidas cando falamos de tal distinguido personaxe. Por iso acollemos cun loureiro na man calquera acto que realice o seu concello natal para homenaxealo.
Poucas lápidas atopamos en galego nos camposantos da nosa terra (como se os que morresen falasen todos castelán). A de Leiras Pulpeiro é unha delas e reza así: “Pra eterna lembranza do gran poeta é cibdadan Manuel Leiras Pulpeiro finou en IX de Noviembre de MCMXII. Os fillos de Mondoñedo en Buenos Aires lle consagran este homenaxe. Ano MCMXXI. Amou a verdade e praiticou o ben”. Pouco se pode engadir a esta coda.
Que vaian para alá unha manchea de “roseiras de rosas roxas”.
Publicado en Galicia Confidencial e A Voz de Vilalba.
Esta entrada foi publicada en Literatura galega e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.