Sexamos a Consellaría de Cultura

Anormal. Eis o epíteto que define a Galiza. Un país anormal que abala entre os indíxenas, decote máis condenados a vivir nunha reserva, e os “impositores” foráneos ou conversos que miran con lupa o lucro persoal. No medio, milleiros de espectadores que observan o ir e vir das trifulcas entre a ira da desvergonza ética e a resignación do “éche o que hai”.

Soterrar a Consellaría de Cultura expresa a anormalidade que ten no maxín a actual Junta de Galicia. Amosa a despreocupación cara ao sector cultural (coa súa relevante función social e económica) mais tamén un paso adiante na asimilación identitaria, na ocultación da diversidade, no aplauso de orellas a prol dunha globalización etnocidia. Todo sexa polo “regionalismo sano y bien entendido”.

Os filisteos teñen un deber estipulado no Estatuto: o fomento (art. 27.19), defensa e promoción (art. 32) da cultura galega. Fan unha renuncia oficial e prodúcese un baleiro de poder. Continúa a anormalidade elevada ao clímax cun “violador do pobo” facendo gala do seu analfabetismo funcional. E continúa no posto. Esta pandilla de filisteos lúcranse mesmamente da existencia dun poder autonómico do que renuncian!

Ao producirse a deserción terá que ser forzosamente o propio pobo quen asuma a responsabilidade. A cidadanía máis lúcida e formada ten que exercer como tal ante a desidia que existe. Debe ocupar o poder cultural, relevar e substituír á Junta. Desentenderse converteríanos en cómplices.

A arte existe na medida en que se expresa: pintura, literatura, arquitectura, música… Son precisamente as persoas (produtoras e receptoras de riquezas artísticas) as que dotan de sentido á cultura galega actual e as que terman do legado dos devanceiros. A este cofre non ten acceso o actual poder institucional na medida en que é alleo a ese ámbito por vontade propia e cínguese só a ser unha oficina de actos lúdico-folclóricos.

Mais a esfera dos creadores precisa ter un diálogo co pobo que aspira a representar artisticamente. Polo tanto, teñen que existir canles de comunicación para que haxa unha identificación recíproca.

As asociacións culturais son un mecanismo que facilita esa relación. Perseguen a oferta de actividades que estimulen entre a xente o recoñecemento do seu xenio creador, o pensamento propio ou sinxelamente ofrecer un lecer alternativo. Unha sociedade que se nutra de cultura acaba por avanzar social, científica e economicamente (iso que tanto preocupa) porque esperta no ser humano o interese polo coñecemento e pola valoración do que o rodea, provoca a reflexión individual e colectiva, cohesiona aos propios axentes da comunidade.

A asociación non se limita a tomar a obra dos artistas consagrados para ofrecela senón que tamén fomenta a creación artística entre os non consagrados. Ofrece un espazo de exposición para aquelas persoas que se expresan na arte.

As iniciativas populares acaban por provocar unha reacción dos desertores. Na memoria albíscase, entre outras, o Seminario de Estudos Galegos fundado por alumnos e mestres da universidade compostelá. Xurdiu porque Galiza precisaba de quen a estudase. Por iso había seccións de letras, ciencias, economía… Era unha necesidade que unha parte capaz da sociedade respondeu atinadamente. Tempo despois as institucións tiveron que aceptar esa creación oficial aínda que a “institucionalización” provocase o efecto contrario: liquidar o proxecto. Non é o asunto deste artigo.

A proposta do SEG era multidisciplinar. Resulta un elemento de atención. A acción cultural é tan necesaria como a social. As iniciativas non poden cinguirse exclusivamente a un determinado eido senón que deben abranguer moitas máis e, sobre todo, ser quen de mesturalas. O barbarismo da especialización resulta inútil se non hai conexións entre as distintas disciplinas do saber.

Debemos, tamén, coidar a función da socialización. O xénero humano é un ser social que precisa estar en contacto, compartir e comunicar. Nun mundo que promove o individualismo a eito, cómpre procurar canles de socialización. O asociacionismo ten que aspirar a tecer unha rede mesta de contacto tanto a nivel de persoas como entre as distintas entidades. Porque nesa xuntanza é onde xorde o diálogo e del aparecen as ideas. Moitas das grandes iniciativas proceden dese contacto informal.

Ante a incuria dos filisteos da Junta temos que tomar a iniciativa dende o asociacionismo (na súa dupla función social e cultural) mantendo unha constante reinvención para non caermos no conservadurismo ou no acto litúrxico. Laiarnos na casa nun inútil velorio é unha actitude propia dos vencidos. Non aspiramos a sermos un pobo derrotado e humillado por estes imbéciles e escuros. Precisamos, con imaxinación e pedagoxía, asumir ese poder simbólico da cultura galega, ocupalo e exercelo. Asumir a responsabilidade histórica de sermos nós quen fomentemos, defendamos e promovamos a cultura galega.

 

(Publicado en Praza Pública)

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.